Santiago de Compostela | A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia considera que os anuncios realizados hoxe polo presidente do Goberno en referencia aos medios de comunicación pecan de falta de concreción e valentía, e, nalgún caso, presentan tendencias preocupantes.
Para resolvelo, e no cadro da rolda de contactos anunciada, instan a Pedro Sánchez a reunirse cos colexios profesionais, os lexítimos representantes da profesión, e implantar unha serie de medidas que deberan estar encabezadas por una regulación axeitada da inversión pública nos medios e a posta en marcha de organismos reguladores.
Cando o xornalismo e os medios de comunicación pasaron a ocupar boa parte dos debates da axenda política española, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia salientaba que a situación de desinformación e desregulación do espazo mediático “podía evitarse se se atendesen hai tempo as peticións das comunicadoras e comunicadores”. Case tres meses despois, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, presentou hoxe no Congreso do Deputados as liñas xerais do seu “Plano de Acción pola Democracia” sen que o tempo transcorrido fose aproveitado para consultar as entidades representantes da profesión, unha falla especialmente grave no que respecta aos colexios profesionais creados polos propios parlamentos autonómicos.
Se se tivese producido o necesario diálogo coas e cos xornalistas, desde o Colexio de Xornalistas teríase sinalado, como xa se fixo hai uns meses, que existen dúas medidas especialmente urxentes para atallar a proliferación da desinformación e do uso partidista dos medios. A primeira delas é unha necesaria regulación das axudas nos medios de comunicación e a publicidade institucional, algo para o que este colexio xa ten achegado as súas propias propostas ás administracións.
O diñeiro público debe servir para garantir a viabilidade do xornalismo libre nos medios de comunicación, e nunca para comprar vontades e fomentar a propaganda. A segunda medida esencial sería a implementación de organismos reguladores da profesión que vaian alén dunha autorregulación que se demostrou insuficiente. Un exemplo podería ser o Consello da Comunicación de Galicia que xa instaba a pór en marcha o Código Deontolóxico do Xornalismo Galego en 2008, mais tamén o Consello Xeral de Colexios de Xornalistas, que debera estar creado por lei desde hai décadas.
Desgraciadamente, a comparecencia, esta mañá, do presidente do Goberno no Congreso dos Deputados, estivo ben lonxe da concreción ou a ambición precisas para abordar estas cuestións profundas e necesarias para a regulación do xornalismo. As referencias ao Regulamento Europeo sobre a Liberdade de Medios de Comunicación poden ser un bo punto de partida para avanzar na independencia e a rendición de contas dos medios, mais as posíbeis modificacións da Lei de Publicidade Institucional ou dos dereitos á honra e á rectificación non poden ser avaliadas ao non existir referencia ningunha ao sentido no que queren ser reformadas.
No que fai á regulación da profesión, a falta de concreción non evita que vexamos tendencias moi preocupantes, como a afirmación de que “son os propios medios os que deben autorregularse” ou o anuncio de que se van ampliar as funcións e as capacidades da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, un órgano alleo á profesión ao que xa se lle atribuíron como parche facultades de control sobre os medios audiovisuais.
Con todo, aínda estamos a tempo de que a falta de concreción sexa o alicerce para construír un plano que mellore as condicións do exercicio do xornalismo. O presidente Sánchez anunciou hoxe que se realizarían máis contactos coa sociedade civil e os sectores implicados de cara a perfilar as medidas anunciadas. Instámolo desde xa a reunirse cos distintos colexios de xornalistas, sexa de maneira individual ou a través da Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, para que poida escoitar de primeira man as propostas que fan as entidades representantes da profesión, así como a trasladar estas achegas, con valentía, á lexislación que saia do debate sobre este plano de rexeneración democrática.
As medidas resultantes deste plano, insistimos, non poden obviar nin unha normativa axeitada sobre as axudas públicas aos medios e a publicidade institucional nin a creación de organismos reguladores do exercicio do xornalismo. A isto poderían sumarse, aproveitando esta oportunidade, outras liñas de actuación que veñen sendo repetidamente reclamadas pola profesión e que servirían para fomentar o verdadeiro xornalismo contra as prácticas non deontolóxicas, como a aprobación dun Estatuto do Xornalista Profesional, que foi repetidamente adiada polos gobernos sin ningunha xustificación. Mais tamén outras máis recentes, como a alfabetización mediática contra a desinformación, un ámbito no que este e outros colexios teñen avanzado moito e poderían realizar numerosas achegas.