Cadernos da viaxe.
Como galego acredito que Galicia é unha Nación e considero que o seu dereito á autodeterminación é anterior a calquera lexislación constitucional española. Para máis, este dereito de autodeterminación está recoñecido para todos os pobos na Carta das Nacións Unidas (1945) e no artigo 1 do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (NU; 1966). Alén diso, Galicia (1933), Catalunya (1926) e Euskadi (1931) foron recoñecidas no seu día como nacións polo Congreso de Minorías Nacionais da Liga das Nacións (SDN), antecedente inmediato das actuais Nacións Unidas.
Porén, como cidadán, vencellado polas normas do Dereito Internacional Público, haberei conciliar esta definición co principio de legalidade, de non ser en situacións de moi violenta e aberta opresión nacional pola potencia dominadora. E velaiquí a grande chata: a Constitución española, que blinda con desaqueladas maiorías dos 2/3 de cada Cpamara estatal en dúas eleccións independentes e máis cun referendum estatal calquera reforma constitucional que recoñeza o dereito de Galicia, Catalunya ou Euskadi a decidir o seu futuro. Un principio de legalidade que bloquea de primeiras e, para calquera situación futura no marco da Unión Europea e da actual colectividade internacional, o exercício unilateral do dereito á autodeterminación.
Mais, dende os mesmos alicerces, ninguén pode recoñecer a existencia dese pobo, desa minoría, desa colectividade nacional. A existência, en último de contas, de Galicia como realidade de seu, non absorbíbel ou anulábel polo concepto de España.
“Unha colectividade nacional, unha minoria nacional, unha nación sen Estado, ten unha existencia anterior ao principio de legalidade eventualmente oposto ao seu dereito á autodeterminación”
E velaiquí o xogo do principio democrático. Porque unha colectividade nacional, unha minoria nacional, unha nación sen Estado, ten unha existencia anterior ao principio de legalidade eventualmente oposto ao seu dereito á autodeterminación. Mais a nidia definición puntual ou repetición de decisións dessa colectividade, nación ou minoria nacional expresa-expresará- unha vontade de decidir, que non pode ser descoñecida de non ser que derroguemos o principio democrático inserido no artigo 1.1 da Constitución estatal de 1978.
Entre os absolutos da letra constitucional (calquera ten dereito a propor unha reforma constitucional imposíbel de se aprobar de feito) e unha declaración unilateral de independencia xurdida dun mandato democrático, mais contrario á legalidade constitucional, primeiro a xurisprudencia do Tribunal Supremo canadiano (1998) e logo a súa propia lei federal (2000) recoñeceron que o mandato electoral de Quebec (hoxe Catalunya, mañá Galicia), como manifestación do principio democrático, obrigaba a un processo de negociación que habería sobardar os estreitos e caducos marcos do principio de legalidade constitucional.
Entre os absolutos do “non, nunca” do principio de legalidade constitucional e a unilateralidade do dereito á autodeterminación, o exercício do dereito a decidir nos marcos do principio democrático (enunciado recentemente no plan Urkullu presentado o 31 de agosto último) constitúe unha solución de consenso. Seremos-máis ben serán-quén de aproveitala?