O dereito á vivenda (I)

Cadernos da viaxe.

Existe realmente o dereito de toda persoa á vivenda digna e axeitada que afirma o artigo 47 da Constitución? Na Carta Magna, malia a devandita proclamación, non existe como dereito directo, mais si como principio reitor da política social e económica que ha informar a praxe xudicial, a lexislación e maila actuación dos Poderes Públicos. Mais perante os Tribunais este “dereito” só pode ser alegado consonte coas normas europeas, estatais ou galegas que o desenvolvan.

Porén, amplos sectores do constitucionalismo españolista esquecen que a propia Constitución fai dos Tratados internacionais ratificados polo Estado Dereito aplicábel, só modificábel ou derrogábel consonte cas súas propias regras e recoñece a prevalencia do Dereito europeo. Xa que logo, o dereito á vivenda de todas as persoas xurde da Declaración Universal de Dereitos Humanos (ONU) e do Pacto Internacional de Dereitos Económicos e Sociais (ONU) e, no que atinxe ao prevalente Dereito da Unión Europea, da Carta Social Europea que obriga aos Estados Membros a garantir o acceso efectivo a unha vivenda de calidade abonda e facela asumíbel para as persoas que non dispoñan de recursos. O dereito á vivenda é mesmo dereito fundamental a que as persoas carentes de recursos abondo poidan recibir da Unión Europea e/ou do seu Estado unha axuda social e unha axuda de vivenda, consonte ca Carta Europea de Dereitos Fundamentais da Unión Europea.

O problema destes 46 anos de transición é que os Poderes Públicos do Estado demitiron das súas obrigas a respecto da promoción da vivenda a un prezo asumíbel para as maiorías sociais e deixaron en exclusiva a función de promoción da vivenda ao sector privado, malia os termos da Constitución, do Dereito Europeo e dos Tratados ratificados polo Reino de España. Aínda máis. Malia ter sido recoñecida a atribución das competencias de vivenda e planeamento urbanístico e territorial aos Poderes autonómicos, o Estado, a medio de sucesivos e recentralizadores Plans de Vivenda que amortecían a asfixia orzamentaria dos devanditos Poderes autonómicos e-ás veces- a medio da lexislación básica do solo bloqueaba ou, cando menos, dificultaba grandemente calquera iniciativa autonómica para garantir o dereito real á vivenda.

“O problema destes 46 anos de transición é que os Poderes Públicos do Estado demitiron das súas obrigas a respecto da promoción da vivenda a un prezo asumíbel para as maiorías sociais”

Na Galicia todos os Gobernos autonómicos de AP e do PP deixaron a regulación e provisión de vivenda da man do sector privado, consonte co relato que as organizacións empresariais da promoción inmobiliaria levan publicitando dende 1990 e que se fixo ouvir nomeadamente no 2007-2009 diante da única proposta dunha política pública real de vivenda que existiu na historia do autogoberno deste país: a da conselleira Teresa Táboas (BNG; 2005-09).

Táboas xa prognosticaba no 2008 que no inmediato futuro precisaríanse 40.000 vivendas protexidas (para ela e para o seu Goberno ese adxectivo quería dicir “protexida da especulación”) e denunciaba que no Estado español concibíase a vivenda como ben de consumo e de especulación e non de uso. Tamén explicaba con claridade que o problema xurdía do mercado, convertido no único provedor de vivenda e que só atendería, pola lóxica da lei da oferta e da demanda, ás rendas e patrimonios máis abastados.

Certo é que o estoupido da burbulla inmobiliaria posterior á Grande Depresión quitou do foco o problema da nova promoción de vivenda, malia pór no mesmo o masivo despexo das persoas prisioneiras de cláusulas bancarias abusivas nos préstamos hipotecarios empregados para adquirir cadansúas vivendas. Despexos xeneralizados até que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea lle impuxo á Sala do Civil do Tribunal Supremo e á xurisdición civil española a necesidade de revisar os contratos na pescuda dunha abusividade de cláusulas (de chan, de gastos, de xuros de demora e, nomeadamente para o efecto de producir o despexo xudicial, a de vencemento anticipado, que privaba da vivenda ao consumidor que fallara no pagamento unha ou dúas cotas mensuais dun préstamo a 25,30 e 35 anos).

Na vindeira xeira analisaremos o agravamento da carencia de vivenda a prezo asumíbel na Galicia, o impacto das vivendas turísticas, da especulación e mesmo dalgunhas manifestacións de xentrificación e debullaremos posíbeis e- sempre- parciais solucións.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.