Desfilaron unha vintena de modelos para mostrar a nova colección dentro da Mercedes Benz Fashion Week de Madrid (antes pasarela Cibeles)
Madrid | Unha vintena de modelos, (nacionais e internacionais) de varias axencias, desfilaron o pasado día 3, polas diferentes dependencias da Casa de Galicia, incluíndo a escaleira, e mostraron a nova colección “Extreme” do deseñador galego Jose Matteos ante medios e profesionais do sector, dentro da Fashion Week (antes Pasarela Cibeles) que se celebra en Madrid estes días. Os creadores participantes neste evento apostan por variados espazos e Matteos solicitou a Casa porque “sobre todo me encantou a escaleira”. Neste sentido, o delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega puxo de manifesto nas súas palabras de presentación e benvida o apoio que o sector merece dende as institucións, e “este desfile enmarcase perfectamente dentro das diferentes actividades que acollemos para promover todo o económico e cultural que chega de Galicia á capital de España”.
Para a posta en escena, Matteos encargou a maquillaxe e o peiteado á empresa lucense Attelier que desprazou a Madrid dez empregadas para tal efecto. “A novidade en maquillaxe é a incorporación do aerógrafo e as plantillas tanto para elas coma para eles”, dixo Loly Portela, do centro de estética, “e en relación ao peiteado a tendencia son as trenzas desfeitas. Matteos non busca a perfección e prefire un estilo que semelle descoidado, sen selo.
A colección de Matteos, de mercado case exclusivamente exterior, é de inspiración oriental “de liñas e cortes moi sutís que xogan co detalle de liños, algodóns orgánicos e delicados bordados florais como materia prima”, mantendo os encaixes de Camariñas dentro dos elementos tradicionais. Conta ademais con pezas unisex, todo iso dirixido a un tipo de público cosmopolita e de vangarda. No caso deles, “con predominio do gótico”.