Ponteareas/ACiP | ACiP volve denunciar un novo acto propio dun goberno municipal no que “a falla de planificación e o desorde son as súas características”. O pasado 14 de decembro -“sempre tarde e mal”, sostén o portavoz de ACiP, Juan Carlos González Carrera- alcaldía de Ponteareas publicaba unha resolución coa listaxe de comunidades de traídas de auga ás que se aprobaba a solicitude de axudas para a realización de obras e a contía adxudicada a cada unha delas.
Segundo se indicaba no articulo 14 desas bases, as comunidades adxudicatarias podían solicitar o 80% de anticipo da axuda recibida. O curioso é que hoxe, día 28 de decembro, e sen recibir ese anticipo durante este tempo, remata o prazo para confirmar a aceptación das axudas, véndose obrigadas as comunidades a xustificar a realización do proxecto, a recepción das axudas e, o máis problemático deste axunto, o pago dos traballos realizados.
“Días atrás varios membros de comunidades de traídas de auga transmitíronnos os problemas de moitas delas, porque non tiñan os cartos necesarios para adiantar os traballos que logo debían xustificar. Orzamentos que variaban entre os 3.000 e os 14.000 euros”, asegurou Gonzalez Carrera. “Por este motivo moitas delas tiveron que renunciar ás axudas ou a parte delas, por non poder demostrar o pago de tódolos traballos; e as que non estiveron de acordo con estas maneiras de actuar e protestaron, recibiron hoxe a notificación de que lles ían a ingresar o 80% de anticipo… hoxe, 28 de decembro, días dos Santos Inocentes, día no que remata o prazo para xustificar a recepción da axuda e sen saber o tempo que as distintas entidades bancarias precisan para tramitar a transferencia, poder realizar os pagos e que a empresa que fixo os traballos poida aportar documentación que xustifique o cobro”.
Juan Carlos Gonzalez Carrera insiste en lembrar que “o de abastecemento é un servizo que compete ao concello; e a súa obriga prestar ese servizo a tódolos veciños e neste caso o que se está a facer e darlles uns cartos a varias comunidades para que sexan elas mesmas as que o fagan, poñendo para elo bases confusas as que moitos entes e colectivos non poden acceder. Compre lembrarlle a este goberno que ten que estar moi agradecido porque dun servizo que é a súa obriga prestalo, hai comunidades e veciños que asumen os traballo, mesmo cos seus propios cartos”.
ACiP denuncia que esta situación deixará sen poder executarse moitos traballos de mellora de abastecemento, “cando podían ser un pouco máis flexibles nos prazos á hora de que as entidades xustifiquen a inversión das axudas concedidas”; situación que tamén se repite noutras convocatorias destes últimos días, tanto en deportes como en emprego e que, segundo González Carrera, “o único que fai o goberno é darse publicidade, anunciando liñas de axuda ás que logo non poden acceder os cidadáns, e os cartos quedan na mesa”.