Cos ventos a favor, procedentes do lixo mediático, policial e xudicial, fragmentos de detritos navegan polas cloacas, capeando con éxito as cicloxénesis explosivas, que a outros afundirían, cal barco de papel. Axitada e traballando a toda máquina está a caverna xornalística, difundindo o bulo, de que a democracia non tería sido posible sen a intervención do Benemérito.
A chegada deste personaxe a Galiza é unha desas datas para anotar no calendario. Un día humillante, vergoñento e que ven de retratar, aos que máis pronto que tarde, dirixirán a nación coa extrema dereita, apéndice infectada das súas entrañas que non se atreven a extirpar.
Para o alcalde de Madrid, a madrileña Almudena Grandes non merece ser filla predilecta da súa terra, pero o Rei é unha peza clave é angular da democracia do país. Para o noso presidente Rueda, a visita de Su Majestad, sitúanos no mapa. E ten razón, as desgrazas, por desgraza, adoitan dar a coñecer os lugares onde a acontecen. Chernóbil, Auschwitz, Guernica… Porén, ningunha visita mellorará a publicidade que nos deu o Prestige, catástrofe que nos situou no mapamundi a perpetuidade. Cuca Gamarra di que “Sólo faltaba que el Gobierno diga algo sobre si un español puede volver a su país” Ayuso considera que o Detrito Emérito é o heroe da transición.
Por outra banda, temos ao partido, que na oposición prometía derogar a reforma laboral e a Lei Mordaza, cuxos membros caracterízanse pola covardía cando están no poder e a súa valentía cando son oposición.
Sánchez tivo que ser expulsado da executiva do seu partido para envalentonarse e recoñecer que sufriu presións dos poderes económicos e mediáticos, que querían evitar un goberno alternativo a Rajoy. Feito gravísimo que pon en cuestión a calidade da nosa democracia e que demostra que non fai falla ir a Rusia para atoparse cos malévolos oligarcas. Agora, coma presidente, a frase máis contundente que se lle escoitou acerca do campechano foi, que este señor débenos unha explicación.
Outra que demostra unha gran valentía é a ex vicepresidenta Cármen Calvo, que tachou de bochornosa a aterraxe do Borbón en Sanxenxo. Estas palabras non se atrevería a pronuncialas si estivese no goberno. García-Page declara que o Rei non merece “ensañamiento”, más aún teniendo en cuenta “su perfil político y su aportación a la historia de España”. Resumindo, o poder é, para o PSOE, como a apócema que convertía ao Doutor Jekyll en Mister Hide.
A Constitución é un fraude. Contradise ao afirmar, nun dos seus artigos, que todos somos iguais ante a lei, e noutro, que só hai un español que ten licenza para facer o que lle veña en gana porque nada lle vai a pasar. A metade do artigo 56.3, é o único da Constitución que o Rei sabe de memoria. Moi fácil de recordar e só ten unha palabra máis que o memorable “lo siento mucho me he equivocado y no volverá a ocurrir”.
“A Constitución é un fraude. Contradise ao afirmar, nun dos seus artigos, que todos somos iguais ante a lei”
Esta “pequena” broma da Carta Magna foi aproveitada para branquear capitais, defraudar, recibir comisións ilegais, subornar e acosar. A estas alturas a licenza está en vigor, por iso hai que estar atentos ás andanzas dos Borbóns, para asegurarnos de que a súa sede de facer o mal está saciada dunha vez por todas.