Ourense | O tren inaugural do AVE a Galicia con once vagóns saíu da estación de Chamartín ás 09.42 e chegou a Ourense ás 12.16 con paradas en Zamora e A Gudiña. No primeiro vagón viaxaron todas as autoridades dunha comitiva presidida por Felipe VI, sentado co presidente do Goberno, Pedro Sánchez; a vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz; e a ministra de Transportes, Raquel Sánchez.
O AVE chegou á estación de Zamora ás 10.52, onde estaba previsto que se subise o presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, pero que a última hora decidiu quedar en Valladolid. A segunda parada foi ás 11.35 na Gudiña (Portada de entrada a Galicia), onde se inaugurou a estación.
Na Gudiña subiron ao tren o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar. Polo PSdeG, o seu secretario xeral, Valentín González Formoso, entre outros, acompañado dos alcaldes da Coruña e Santiago, Inés Rey e Xosé Sánchez Bugallo.
Na estación de Ourense Empalme estaba o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, con integrantes da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense para dar a benvida ás autoridades. Aquí proxectouse un vídeo de promoción, falou Raquel Sánchez, Alberto Núñez Feijoo e, o presidente Sánchez pechou o acto.
Este martes 21 realizarase a primeira viaxe comercial do AVE a Galicia. Ás 6.16 horas do martes 21 de decembro sae a primeiro AVE desde Ourense con destino Madrid. Farao desde Ourense- Empalme, o nodo de comunicacións da alta velocidade galega coa Meseta debido ao ancho de vía. Debido á alta demanda suscitada pola posta en marcha do AVE, Renfe decidiu ampliar o número de servizos semanais que pasan de 76 frecuencias a 128.
Ourense, a dúas horas e cuarto de Madrid, terá dez frecuencias diarias por sentido, todas elas directas.
Vigo terá oito ao día en cada sentido, repartindo a metade entre directas e ligazóns. Na Coruña duplícanse de cinco a dez servizos diarios, con tres directos e outros sete con ligazón.
O mesmo Santiago, con catro directos e seis con ligazón. Pontevedra incrementa as frecuencias diarias de cinco a sete, con catro directos. Lugo pasa de tres a catro conexións —unha directa—, e Ferrol mantén os dous servizos directos actuais. Renfe facilitará as ligazóns entre Lugo e Ourense cun novo servizo Intercity, de forma que os viaxeiros lucenses poidan enlazar co AVE e o Alvia na estación de Ourense.
A viaxe inaugural empregou 2 horas e 35 minutos en cubrir o percorrido entre Madrid e Ourense, e alcanzar nalgúns tramos os 300 quilómetros por hora. Este martes entrará en funcionamento o servizo ao público, que ao tardar só 2 horas e cuarto reduce a practicamente a metade do que dura o actual roteiro (4 horas e 20 minutos).