Fai anos entendín que os científicos non só tíñamos que investigar e dar clase no ensino superior ou conferencias en congresos, senón divulgar a ciencia e que chegase á xente tanto das cidades como do rural e particularmente aos máis novos, porque é a forma de que a xente entenda o que facemos, a cantidade de cousas que aínda non sabemos e de que poidan entender mellor o mundo que nos rodea.
Tamén pensei que para comunicar a ciencia en Galicia había que facelo en galego, pero aínda que semellaba posible usalo na comunicación oral era moi difícil na escrita. Sempre me dicían: “Pero se escribes en galego non che vai ler ninguén, nin tan sequera os galego-falantes moito mais afeitos a ler en castelán”.
Tal vez fose verdade pero é cuestión de afacerse. Unha vez que o fas queda xa en sintonía o que les e o que falas e aínda por riba enriqueces o teu vocabulario e falas cada vez mellor.
Para divulgar ben a ciencia, que a xente desfrute dela e que algúns das nosas rapazas e rapaces queiran un día ser científicos, hai que chegar á xente e que te sintan un máis deles. Falar de cousas importantes pero dun xeito sinxelo. Por iso en todas as miñas charlas divulgativas en Galicia é o idioma que emprego, como trato de facelo nos idiomas que sei en outros países, porque proximidade e entusiasmo son claves na comunicación.
Supoño que son tempos complicados para os medios, nos que hai que saber adaptarse aos cambios e combinar formatos para chegar a todos, novos e vellos, pero non sabedes que importancia lle dou a que o fagades en galego, porque é a mesma historia: non só e importante para normalizar o uso da nosa lingua, para poñela en valor, senón para achegarse a xente e transmitirlle as novas que lle sexan de interese ou importancia. Parabéns polo que estades facendo. Tedes todo o meu recoñecemento e aprecio.
Nada máis que un consello. Vivimos nun mundo que cada vez vai máis ás présas con novas que voan vertixinosamente (e non penso que é unha boa cousa). Un mundo de novas e novas pero non de información. Eu pediríavos poñer sempre pezas de información, e non me refiro só a ciencia, nin moitos menos. Ao lado dunha nova dun xuízo explicade que é unha instrución, un sumario ou o código penal. Ao lado dunha estatística ou seu significado, cando se fala da covid, que é un virus, ou, no seu caso, que é o cancro. É unha maneira de que os nosos cidadáns aprendan e poidan analizar criticamente todo o que lles contan. En definitiva, un xeito de facelos máis libres.
- Artigo para os medios en galego co motivo da celebración este 7 de febreiro do Día dos Medios en Galego