O Día Nacional, o Día da Patria.

Velai ven o 25-X, Día da Patria Galega, na tradición de 105 anos de nacionalismo ou Día Nacional de Galicia, denominación oficial da Xunta dende 1979, malia que os presidentes Feijóo e Rueda adoito o esquezan. A dupla definición, quer social, quer institucional, ven rematar na mesma idea: Galicia é unha nación.

Se somos unha nación temos dereito a decidir se partillamos o futuro con estes ou aqueles. Sería bastante desaquelado negar unha historia e moita cultura comúns con Portugal e cos demáis territorios do Estado español. E, máis aínda, negar a nosa europeidade, que non só nos ubica no mundo, senón que define o xeito de estarmos nel.

Se somos unha nación haberíamos ter dereito de partillar nas competicións deportivas internacionais coas nosas equipas galegas, dereito hoxendía vetado por moitas Federacións deportivas estatais (/comezando pola FEF). Porque Galicia podería estar presente unha Eurocopa ou un Mundial dende as súas fases clasificatorias, só a medio dunha sinxela reforma da Lei estatal do Deporte que prohibise esta caste de vetos. Cada xogador/a, por outra banda, podería escoller partillar nunha ou noutra equipa nacional, se as dúas o admiten.

Porén, matinar arredor disto non prexudica a admiración que ducias de milleiros de galegos sentimos pola equipa que artellou De la Fuente nin a nosa ledicia coa súa vitoria nesta pasada Eurocopa. Non. Esta lexítima e lóxica ledicia, por ser a equipa mellor e, ademais, a máis próxima, non quita que, sendo admirada e querida, non sexa a miña equipa nacional. Supoño que todas as persoas intelixentes ou, polo menos, de boa vontade, son quen a entendelo.

No noso país precisamos dese orgullo que os principais países do mundo adoitan sentir polo seu. Ese orgullo que explica a presenza de pequenos países como as repúblicas bálticas ou Eslovenia como membros de pleno dereito da Unión Europea. Que habería explicar na nosa Galicia un patriotismo de pontes e non de barreiras. Un sentimento nacional aberto e cidadán, lonxe do chauvinismo e das malas maneiras doutros.

“No noso país precisamos dese orgullo que os principais países do mundo adoitan sentir polo seu”

No deportivo semella que non haberíamos ter menos posibilidades que Gales ou Escocia. No político que as repúblicas bálticas, Eslovenia ou Luxemburgo. Porque que se recoñeza o noso dereito a decidir non prexulga o sentido da decisión.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.