O director de Turismo da Xunta de Galicia destaca o impulso do Caudal Fest na promoción de Lugo

Presentado o cartel definitivo do evento para o 19 e 20 de setembro

Lugo | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou na presentación da programación por días e novos artistas do Caudal Fest no marco dos Concertos do Xacobeo, que impulsa a Xunta de Galicia. A última gran festa musical do verán, o Caudal Fest de Lugo, desvelou o seu cartel completo que suma figuras como Zahara, Vega e Yarea, entre outras, a bandas e artistas de referencia xa confirmados como Love of Lesbian, Dani Fernández, Melendi, Duncan Dhu ou Alcalá Norte. Xosé Merelles salientou que, “co Caudal Fest, os Concertos do Xacobeo potencian os recursos turísticos locais e supoñen un importante impacto positivo, xerando emprego, gasto, lecer e coñecemento na cidade”.

O Caudal Fest está considerado como o terceiro festival máis grande de Galicia por cantidade de público e unha das citas imprescindibles coa música en directo en todo o terzo norte peninsular ao rematar a época estival. Os Xardíns do Pazo de Feiras e Congresos da cidade amurallada acollerán os días 19 e 20 de setembro a sétima edición do evento.

O director de Turismo de Galicia subliñou que “o apoio da Xunta de Galicia ao Caudal Fest, a través da Axencia Turismo de Galicia, responde á filosofía da Xunta de apoiar as grandes citas coa música en directo de Galicia, que se erixen como un gran motor económico, turístico e cultural para a nosa comunidade de xeito desestacionalizado ao longo de todo o ano”.

O Caudal Fest pecha o seu cartel con seis novos artistas. A primeira novidade é que Zahara estará presente no Caudal Fest 2025. Referente indiscutible do pop alternativo nacional, a súa presenza neste festival promete ser un dos momentos máis emocionantes do evento lucense.

Xunto a Zahara, confirmouse tamén a presenza de Vega, unha das cantautoras máis sólidas do panorama español, xunto con Yarea, Kike Varela, Músculo! e Lisdexia.

Sobre o Caudal Fest
Os días 19 e 20 de setembro, Lugo acollerá de novo “a última gran festa musical do verán” en Galicia. O Caudal Fest regresa este 2025 cun cartel que reúne ao melllor do indie pop rock nacional actual, con Zahara, Melendi, Love of Lesbian, Dani Fernández, Carolina Durante, Duncan Dhu, Alcalá Norte, Vega e The Rapants, e moitos outros.

Caudal Fest é un festival organizado por Bring The Noise, promotora galega con orixe na provincia de Lugo. A organización confirma que son xa “decenas de miles de persoas” as que adquiriron xa o seu abono para o Caudal Fest 2025 e prometen que “esta será a súa maior e máis exitosa edición da cita”.

Neste 2025, o venres 19 de setembro, o Caudal Fest presentará os directos de Love Of Lesbian, Dani Fernández, Duncan Dhu, Niña Polaca, Carlos Ares, Dollar Selmouni, Vega, Yarea, Kike Varela e Lisdexia. Finalmente, o sábado 20 de setembro chegaralle a súa quenda a Melendi, Carolina Durante, Zahara, Elyella, Marlon, Alcalá Norte, The Rapants, Merino, Chicle e Músculo!

Sobre Concertos do Xacobeo
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, que da cobertura a todas as grandes citas e espectáculos musicais en 2025. Entre elas están o Gozo Festival, O Son do Camiño, o Morriña Fest, o novo Festival Jaleo!, o PortAmérica, o Resurrection, o Caudal Fest, o Río Verbena, así ata sumar máis de 55 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en 20 localidades de toda Galicia.

Máis de 500 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. O seu programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.