O Covelo | “Din que os de aquí teñen algo especial. Falan e escriben dunhas xentes do sur da Dorsal” así comeza a curtametraxe “Pedras e Uces. A Paisaxe Identitaria”. Na voz de Miguel Fernández, mozo da parroquia de Maceira, a Asociación para o Desenvolvemento do Alto Tea Covelonatural e o Concello de Covelo queren amosar ao mundo a riqueza etnográfica, histórica, medioambiental e paisaxística destas terras.
Producido e dirixido polo biólogo, fotógrafo e guía de montaña, Julio Eiroa, a curtametraxe forma parte dunha serie documental que relata a importancia da identidade da paisaxe e das xentes que viven nas serras do Sur da Dorsal Galega (Serra do Suído, Serra do Faro de Avión e Serras do Montouto e A Paradanta)
As pedras presentes nos valados das cavadas, nos pasos, nos chozos, nos sesteiros, nos foxos do lobo ou nos currais son testemuñas da riqueza agrogandeira e atesouran a vida pasada das xentes das serras do sur da Dorsal Galega.
A través da voz dun neno como símbolo da herdanza recollida e do relevo xeracional, Covelonatural ínstanos a coñecer a riqueza do monte, a non deixar de agasallar aos nosos fillos e fillas o coñecemento da terra, as historias vividas e as posibilidades de dar vida que ten a fauna e flora da montaña pero tamén cada pedra que os nosos antergos colocaron. As uces son a parte viva dos nosos montes que dependendo da época do ano nos permiten coñecer unha parte da historia e do hábitat ou outra. A hostilidade do inverno coa maleza baixa convídanos a investigar as estruturas e a historia das pedras. A frondosidade da primavera a fauna e flora en plena efervescencia.