“Salto ao baleiro”. Así cualificou unha boa parte dos mass media a contundente vitoria do liberal Javier Milei (partido La Libertad Avanza) na segunda volta das presidenciais arxentinas celebrada este 19 de novembro. O excéntrico político alcumado “El Pelucas” acadou unha vitoria impresionante: 56% dos votos, once puntos e tres millóns de votos por riba do seu rival, o peronista e ministro de Economía Sergio Massa.
O “furacán Milei” provocou un terremoto político con tintes de dramatismo, dependendo da óptica política e ideolóxica que asuma a análise, nun país que vén acostumándose ás transicións vertixinosas dende o seu retorno á democracia en 1983.
Esta sensación de vértigo non debe ocultar un feito evidente: o triunfo de Milei é histórico. Pero como é habitual cando se tenta analizar algo tan incerto como descoñecido abondan as interrogantes: como explicar o imparable ascenso dun político que, a penas en 2021, logrou crear o seu partido e comezar unha das campañas electorais máis surrealistas da historia arxentina? Como asumir o triunfo dun discurso tan agresivo pero certero e incluso esperanzador contra o establishment “peronista-kirchnerista”, a “casta” como os cualifica Milei facendo unha curiosa similitude con esta categorización que fixera PODEMOS en España, un partido nas antípodas ideolóxicas do hoxe novo presidente arxentino? Como interpretar o voto maioritario a un “ultraliberal” nun país cun 40% de pobreza e hiperinflación crónica? Como cualificar a un “antipopulista” que, curiosamente, tamén imprime unha imaxe de populismo mesiánico?
O selo peronista que fai da Arxentina un país cunha forte cultura estatista e populista entroniza agora á presidencia a un “liberal libertario”, tal e como ao propio Milei góstalle definirse, que non fai ascos da reinvindicación da ditadura militar e que confecciona, dentro e fora do país, apoios da dereita máis extrema. E no exterior ten os seus amigos, de VOX a Trump, de Bolsonaro a “pinochetistas” como Kast en Chile, e outros dereitistas de “man dura” como o salvadoreño Nayib Bukele . Para algúns, Milei é unha especie de “Chávez de dereitas”. Expresa esa mesma imaxe mesiánica de urxencia de cambio e de cansanzo co pasado pero en contextos ideolóxicos diametralmente diferentes ao desaparecido ex presidente venezolano. O de Milei é, por tanto, un cambio histórico porque nunca antes un liberal “anarco-capitalista” desa magnitude chegou á presidencia arxentina dun xeito tan contundente. Nunca antes un político “outsider” que utilizou con eficacia (e alta dose de intimidación) a masificación diaria e imparable da súa imaxe vía redes sociais logrou un resultado tan impresionante en tan pouco tempo.
Dolarización, eliminación do Banco Central e do aborto, minimización do Estado na economía e na sociedade, loita contra “a casta”, derrube de políticas progresistas e “imperio do Mercado”. Velaí as liñas centrais de Milei. Para algúns é unha nova vaga neoliberal na Arxentina pero este fenómeno ten outras singularidades, baseado no carisma dun excéntrico político que marca a pauta cun discurso netamente ideolóxico, neste caso liberal. Por moito que Milei tivera unha boa imaxe do ex presidente peronista Carlos Saúl Menem, non estamos ante una reprodución do “menemismo” imperante na década de 1990. Curiosamente, Milei pretende restarlle á esquerda a súa tradicional condición transgresora e de alternativa para o cambio a favor dun proxecto liberal e integral de efectos incertos.
“Dolarización, eliminación do Banco Central e do aborto, minimización do Estado na economía e na sociedade, loita contra “a casta”, derrube de políticas progresistas e ‘imperio do Mercado. Velaí as liñas centrais de Milei”
Pero Milei non está só nesta aventura. O apoio da ex candidata dereitista Patricia Bulrrich, unha ex peronista que terminou tamén facendo eloxios á ditadura militar, foi decisivo nesa segunda volta e nese 56% dos votos. E tamén do ex presidente Mauricio Macri, cuxo recente protagonismo da a entender a conxunción de intereses con Milei asumindo a debilidade política de “La Libertad Avanza” dentro do Congreso arxentino: só ten un 15% dos escanos parlamentarios. É visible que a fórmula Milei-Macri-Bullrich pretenderá recrear unha nova hexemonía política na Arxentina orientada a consolidar este novo goberno para sepultar o legado “peronista-kirchnerista“. E tamén está o contexto exterior porque o “efecto Milei” pretende inaugurar unha rede internacional orientada a converterse na referencia dunha “nova-vella dereita” que implique cambios políticos nas vindeiras eleccións a nivel hemisférico.
E isto nos leva precisamente ao outro campo político: que sucederá coa variopinta esquerda arxentina é un reto que se asume inmediato neste contexto postelectoral. Estamos presenciando un capítulo máis do interminable “post-peronismo”, agora tamén do “post-kirchnerismo”. Volve á palestra un nome propio: Álex Kicillof (52 anos), actual gobernador da Provincia de Bos Aires e ex ministro de Economía (2013-2015) no último mandato de Cristina Fernández de Kirchner.
É perceptible que entre Milei (53 anos) e a posibilidade de ascenso político de Kicillof podemos tamén intuír un relevo xeracional na política arxentina. Pero unha cousa parece máis clara: tras catro décadas de transición democrática e vertixinosos péndulo políticos, Arxentina afronta un novo “salto ao baleiro” cara o descoñecido. Porque precisamente non sabemos se estamos ante algo tan dramático, esperanzador ou catastrófico como algúns vaticinan.