Santiago de Compostela | O ensino público galego contará no curso 2023/24 con 370 profesores máis, ata chegar a un total de 31.044, para o conxunto de alumnos dos centros públicos, un total de 225.013. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, en declaracións aos medios ante o inicio escolar.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia detallou que, dos docentes a maiores, 260 se corresponden co incremento da oferta de FP, 70 destínanse a programas de prevención do abandono educativo e de atención á diversidade e outros 40 para o incremento de grupos en ESO e Bacharelato.
No caso de Infantil e Primaria, mantense invariable o número de mestres, malia que o número de estudantes nestas etapas no sistema público descende en máis de 2.600 alumnos respecto do curso pasado.
Román Rodríguez lembrou que Galicia é unha das comunidades con menor taxa de abandono educativo temperá (9,9%), ademais da Comunidade que ten maior porcentaxe (94%) de alumnado con necesidades específicas de atención educativa integrado en centros ordinarios. “Estamos a falar dun dos sistemas educativos con mellores rateos profesor/alumno de España (arredor do 70% das aulas están por debaixo de 20 alumnos) e cun maior investimento por estudante, só por detrás de Euskadi e Navarra, que teñen réximes fiscais propios –explicou–. Ademais de ter un dos mellores panoramas do Estado no relativo aos resultados educativos, tal e como indican informes como PISA”.
“Sempre temos marxe para mellorar, de feito imos seguir traballando nesta liña, potenciando a calidade do sistema e a súa equidade e garantindo a igualdade de oportunidades”, salientou o conselleiro. “Todo isto faise con recursos”, engadiu, destacando que “a aposta da Xunta de Galicia polo ensino é evidente: con menos alumnos imos ter máis profesores no conxunto do sistema”, dixo o conselleiro.
O curso 2023/24 comeza o vindeiro luns día 11 para un total de 311.823 alumnos de Infantil, Primaria, Educación Especial, ESO e Bacharelato (entre centros públicos, concertados e privados)
Só no sistema público, o número de alumnos nestas etapas descende en case 1.800. Aínda así, haberá en funcionamento 11.924 aulas para algo máis de 225.000 alumnos das etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato. Isto supón un reforzo do número de unidades para o próximo ano académico en comparación co curso anterior (no que estiveron en funcionamento 11.916 aulas para as ditas etapas) malia rexistrarse case 2.000 matrículas menos.