Mondariz | O Concello de Mondariz asume este ano a organización da festa de Entroido na localidade, que xa ten data e cartel. O tradicional concurso de comparsas e carrozas terá lugar o domingo 19 de febreiro, a partir das 17:00 horas. As bases do mesmo están en fase de elaboración e serán publicadas nos próximos días, abríndose o prazo de inscrición de participantes.
Detrás da organización do Entroido de Mondariz estivera nos últimos anos a asociación de veciños/as Xabriña, que incluso en tempos de pandemia fixera o esforzo de manter esta festa popular na localidade. O ano pasado, a incerteza respecto da situación epidemiolóxica atrasou o evento e finalmente se organizou un Entroido de Verán a finais de maio.
Como esta asociación de veciños/as experimenta actualmente un cambio de directiva, o Concello de Mondariz decidiu pasar de colaborador a organizador desta actividade sociocultural para que se manteña no tempo.
“Desde xa, animamos aos veciños e ás veciñas, así como aos colectivos socioculturais das parroquias, a preparar neste mes a súa participación no concurso de comparsas e carrozas do Entroido 2023”, sinala Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.