Ourense | O escritor da Limia Antón Riveiro Coello volveu a Ourense, desta volta á librería Eixo, para falar da súa última obra publicada “Días de intemperie”, un texto vibrante que recolle nove historias duras co pano de fondo de diversos conflitos bélicos que van dende a nosa Guerra Civil, á Segunda Guerra Mundial ou outros tan distantes coma o de Vietnam, sen esquecer algúns aínda activos coma os de Siria e Ucraína.
Nestes espazos de terror, o autor, natural de Xinzo de Limia, sitúa os personaxes para probar ata que punto os límites do ser humano se ven condicionados pola situación extrema dunha guerra. E aí, nese espello é onde Riveiro Coello tamén nos sitúa a nós e nos obriga a facer a pregunta de se seriamos mellores ou peores ca os personaxes do libro onde o seu verdadeiro ser sae á superficie e revela a súa esencia. Non hai panos quentes para quen le.
A violencia está presente dende o primeiro relato “Un anxo de mármore”, onde unha nena ucraína vixía a loucura da súa avoa tras o bombardeo do teatro de Mariupol, ata o último, e talvez máis redondo, “Os orfos”, coa transición da inocencia á crueldade dun neno vietnamita que quere ser médico.
En cadanseu relato, cunha escrita coidada e absorbente, o autor introdúcenos con mestría nunha librería bombardeada de Alepo, na fronte rusa ou no contrabando da Raia seca ourensá e déixanos a soas para atravesarmos coa respiración contida eses mundos desolados que nos falan da intemperie que provocan as guerras.
Lectura fascinante este Días de intemperie co que Riveiro Coello pecha de xeito brillante un ciclo de catro textos onde figuran novelas que xa ocupan un lugar destacado na literatura galega como As rulas de Bakunin, Laura no deserto e O paraíso dos inocentes. Acompañando o autor estiveron os xornalistas Xosé Manoel Rodríguez, Mónica Vázquez Lopo e Javier Fraiz.
Situación límite
Cunha temática de desafortunada actualidade, onde o pano de fondo é a guerra, Riveiro Coello ispe os personaxes para os deixar nunha intemperie que tamén podería ser a nosa. Asuntos como os coidados, a fidelidade, a homosexualidade, a covardía, a vinganza, a suplantación de identidade, o amor polos libros, o contrabando ou a orfandade son algúns dos temas que compoñen este libro estremecedor.
“Cunha temática de desafortunada actualidade, onde o pano de fondo é a guerra, Riveiro Coello ispe os personaxes para os deixar nunha intemperie que tamén podería ser a nosa”
Como xa fixera en “As Rulas de Bakunin”, “Laura no deserto” e “O paraíso dos inocentes”, Antón Riveiro Coello pon de novo os seus personaxes en situacións límite para que nos amosen as súas luces e sombras. Relatos duros que nos enfrontan co espello para sabermos o lugar que poderiamos ocupar en conflitos tan diversos como os que acollen estes relatos. Unha proposta que invita á reflexión e a empatía nas situacións de necesidade extrema.
Antón Riveiro Coello. Naceu en Xinzo de Limia, no ano 1964. Cursou estudios de Dereito na Universidade de Santiago e actualmente traballa na administración autonómica. Riveiro Coello é un dos narradores máis premiados dos xurdidos na literatura galega durante a pasada década.
Ademais dun gran número de relatos en libros colectivos e revistas literarias ten publicadas as novelas “Valquiria” (1993, premio Camilo José Cela), “A historia de Chicho Antela” (1997), “A quinta de Saler” (1999), coa que foi finalista do premio Torrente Ballester, así como as recompilacións de relatos “Parque Central”(1996) e “Airadas de palabras” (1998), onde se recollen os contos que lle foron premiados nos certames Manuel Murguía e Modesto R. Figueiredo entre os anos 1991 e 1997.
Con “Animalia” (2000) obtivo o premio Café Dublín correspondente a 1999. “As rulas de Bakunin” recibiu o premio García Barros en 2000, ano no que tamén logrou o Álvaro Cunqueiro de Narrativa con Homónima. En 2007 publica en Galaxia “A voz do lago”, novela coa que se adentra na creación literaria para os lectores máis novos, e na colección Literaria “Os ollos de K”.
Por José Manuel del Caño.