Samos | A distinción estaba previsto que lle fose outorgada o 19 de decembro de 2020, pero o acto tivo que ser aprazado entón por mor da pandemia da covid e as restricións. O colectivo decidiu entregalo en abril ao mellorar a situación sanitaria.
A entidade, presidida por José Fernández, concedeu o título de Valedor do Camiño a Luís Celeiro para recoñecer os seus “méritos como estudoso, promotor e divulgador dous valores” do roteiro xacobeo.
É a primeira vez que a Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos fai entrega da distinción e con ela quere “premiar a este veciño, natural de Freixo, pola súa traxectoria e vinculación” co Camiño de Santiago. Un total de 18 colectivos de xornalistas e relacionados co Camiño de Santiago adheríronse a este nomeamento.
Luís Celeiro participou no Xacobeo 93 e escribiu un libro sobre o sacerdote Elías Valiña. Ademais, foi o primeiro pregoeiro da Feira de Produtos Artesanais de Samos, celebrada no ano 1993.
A organización da homenaxe ao samonense foi un dos asuntos abordados nunha asemblea da Asociación de Comerciantes celebrada na noite do pasado venres. No encontro tamén acordaron organizar tres excursións durante os próximos meses. A primeira será o 14 de maio a Oseira e O Carballiño. A segunda terá como destino a costa lucense e a terceira, a zona de Asturias e León.
Ademais, programaron para o próximo mes de novembro unha nova edición do concurso de tapas, bautizado como Ir de tapeo. Na última edición participaron catro establecementos, que ofreceron senllos pratos tradicionais e innovadores.