Aldea Global | O escritor galego Claudio Rodríguez Fer acaba de recibir a Medalla “Mihai Eminescu” “polos seus méritos na actividade cultural nacional e mundial”, así como o Premio de Historia e Crítica Literarias “polas súas consideracións estéticas e a súa participación creativa sobre a poesía mundial”, ambas distincións concedidas polo Comité Executivo da Academia Internacional “Mihai Eminescu” de Romanía durante o Festival Mundial de Poesía celebrado en Craiova e Calafat no mes de xuño de 2023.
A Academia Internacional “Mihai Eminescu”, que leva o nome do principal escritor romanés e que preside o poeta e profesor universitario Ion Deaconescu, organiza anualmente un Festival Mundial da Poesía, de xa longa traxectoria, durante o cal concede os seus premios a destacadas figuras de diversos continentes da Terra.
Claudio Rodríguez Fer foi traducido ao romanés, en 2018, na antoloxía bilingüe Máis alá do bosque polos filólogos Ion Deaconescu, Victor Ivanovici e Adina Ioana Vladu, obra que presentou en 2019 cos dous últimos no Museo da Literatura de Bucarest. En 2021 dedicou á cultura romanesa o poemario ilustrado ADN do infinito, do que recitou con gran éxito varias das súas composicións, traducidas ao romanés por Adina Ioana Vladu, durante o referido Festival Mundial de Poesía de 2023. Claudio Rodríguez Fer é autor dun cento de obras como poeta, narrador, autor teatral e ensaísta.
Reuniu a súa lírica en Amores e clamores e a súa narrativa en Contos e descontos, así como poesía visual en Cinepoemas e Corpoética. Está traducido a numerosos idiomas e o seu poema “A cabeleira” publicouse en setenta linguas dos cinco continentes da Terra.
Dirixe a Cátedra Valente de Poesía e Estética e a revista Moenia da Universidade de Santiago de Compostela, coordina os cadernos interculturais Unión Libre e foi profesor universitario en Nova York, París e Bretaña (onde é Doutor Honoris Causa). Publicou libros e edicións sobre Emily Dickinson, Dostoievski, Cavafis, Antonio Machado, Borges, Cernuda e moi numerosos escritores galegos, como Castelao, Dieste, Pimentel, Fole, Ángel Johán, Carballo Calero, Luz Pozo Garza, Granell e Valente.
Recibiu diversos premios en áreas literarias (Premio Nacional da Crítica por Tigres de ternura), investigadoras (Premio Losada Diéguez por Poesía galega e por A literatura galega durante a guerra civil), académicas (Premio Extraordinario de Doutoramento) e cívicas (Premio Galiza Mártir de Memoria Histórica), ao que agora se vén a sumar o recoñecemento da Academia Internacional “Mihai Eminescu” de Romanía. Ademais, a Fundación Europea “Mihai Eminescu”, en colaboración coa dita Academia Internacional “Mihai Eminescu”, acreditou a Claudio Rodríguez Fer cun diploma de embaixador cultural “pola comprensión das cultural diferentes, a promoción do herdo espiritual e a cooperación literaria” entre as culturas do mundo, labor intercultural que o autor galego vén realizando dende a súa xuventude.