A Coruña| O escritor e profesor de Rianxo, X. Ricardo Losada, é o gañador do XXXII Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega coa súa obra coa novela “O rosario e a buguina” na que recrea os últimos meses de vida do poeta Manuel Antonio e o conflito que ten coa súa nai por motivos relixiosos. O xurado destacou a creación dos personaxes e a escrita coidada da obra.
“O rosario e a buguina” de X. Ricardo Losada Vicente foi a obra escollida polo xurado como gañadora do xXXII Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega composto polos gañadores da edición anterior Álex Alonso e Antón Riveiro Coello , a xornalista Susana Pedreira e as escritoras Inma Otero e Beatriz Maceda e presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto e a xefa de servizo de Cultura da Deputación da Coruña, Mercedes Fernández Albalat. como secretaria. O premio está valorado en 6.500 € máis a publicación da obra gañadora.
O xurado destacou a potencia da historia que narra os últimos meses da vida de Manuel Antonio e o conflito suscitado coa súa nai na casa de Rianxo por motivos relixiosos e, de maneira especial, polo xeito de se enfrontar á morte próxima. “A novela constrúe a trama coa alternancia de voces pola que a historia se relata desde a nai ou desde o propio Manuel Antonio cunha eficaz construción de personaxes e unha escrita coidada”, destacou o xurado que sinalou tamén que a obra leva a reflexionar sobre a incomprensión da figura do artista no ámbito familiar.
X. Ricardo Losada recrea na súa novela o final da biografía de Manuel Antonio cando, gravemente enfermo, regresa a Rianxo desde Cádiz para refuxiarse neste tempo final na casa familiar. “Sempre tiveran unha relación moi tirante, con amor, si, mais tamén con enfrontamento, e neste caso o conflito relixioso acentúase de maneira especial pola vontade dela de que o poeta reciba a extremaunción e a negativa del a aceptalo”, explica o autor dunha novela que convida á reflexión sobre a vida, a liberdade e a morte.
Con anterioridade, o escritor asinou tamén unha obra, neste caso de ensaio e investigación, sobre a figura de Manuel Antonio que agora ficciona na novela gañadora.
O autor é profesor de Filosofía no IES Félix Muriel de Rianxo e publicou cinco libros, “O xente da chuvia” (Edicións do Castro), “Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo” (Xerais Edicións) “Bótame deste mar fóra” (Toxosoutos), “Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego” (Editorial Galaxia) e “A casa xunto ao volcán” (Editorial Galaxia), galardoada co II Premio Viadutos 2019.
“O autor é profesor de Filosofía no IES Félix Muriel de Rianxo e publicou cinco libros”
En anteriores edicións, os gañadores do Premio Torrente foron Antón Riveiro Coello con “O paraíso dos inocentes” e Alex Alonso con “Granito” en 2019; Xabier López con “900” no 2018; Manuel Piñeiro con “A través do fume” en 2017 e Eli Ríos con “Luns” en 2016, ano en que iniciou a súa andaina a modalidade do Torrente Ballester para lingua galega. Con anterioridade, Carlos Reigosa, Xesús Constela, Xosé Vázquez Pintor, Xosé Carlos Caneiro, Manuel Rivas e Víctor F. Freixanes foron os autores en lingua galega que se fixeran co premio Torrente Ballester que iniciou a súa andaina en 1989 como convocatoria literaria á que se podían presentar obras en galego e español.