Nuns poucos meses cumprirase o primeiro centenario da famosa frase do escritor catalán Josep Plà cando definiu que o máis semellante a un español de dereitas era un español de esquerdas. Comezaba o outono do 1918, o da gripe española, a fin da primeira guerra mundial e a conversión das Irmandades da Fala en movemento nacionalista galego na I Asemblea de Lugo. Daquela Plà e o seu xefe político, Francesc Cambò, estaban moi lonxe de financiar o franquismo ou de espiar para Franco (como remataron por facer) e acreditaban nunha evolución democrática do Estado que priorizase a autonomía das nacións galega, catalá e vasca. A Lliga que dirixía Cambò foi o principal financiador das campañas dos candidatos galeguistas do outono de 1918, nas que sobrancearon Lois Porteiro Garea e Antón Losada Diéguez.
Segue sendo un español de dereitas o máis semellante a un español de esquerdas? Si e Pedro Sánchez vens de amosalo. Nomeou ministro de Asuntos Exteriores a Josep Borrell, hooligan do unionismo máis extremista. Un escollido orador da demostración do 8-Ou que non virou o fuciño ao apoio de Somatemps e organización desta caste ás sucesivas mobilizacións unionistas.
O madrileño cedeu ás presións de determinados persoeiros de Interior que non querían a volta ao ministerio da xuiza Margarita Robles por mór do seu activismo nos 90 para limpar o lixo dos GAL. E velaí o nomeamento do maxistrado Grande-Marlaska, proposto polo PP para o Consello Xeral do Poder Xudicial e sempre favorábel ao Goberno e aos xefes do Ministerio do Interior nas súas pescudas xudiciais na Audiencia Nacional. Que llelo conten aos familiares dos militares mortos no accidente do avión Yak 15
Engadiulle Sánchez estes dous nomeamentos chave coa escolla dunha vicepresidenta taurófila e negociadora do golpe do 155, que implantou en Catalunya e no Estado todo un estado de excepción non declarado.
É verdade que hai máis proactividade no empoderamento de mulleres, na promoción de persoeiros representativos de cadansúas carreiras profesionais e dunha meirande modernidade no estilo, fronte ao estilo caduco de Rajoy, Méndez de Vigo ou Juan Ignacio Zoido. Mais as tres principais carteiras do novo Goberno amosan a súa radical falla de sensibilidade a respecto da plurinacionalidade do Estado e dos sectores máis sensíbeis coas liberdades públicas.