Santiago de Compostela | Este 8 de marzo de 2024, un ano máis o feminismo galego sae ás rúas para reafirmar o seu compromiso cos movementos sociais para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Neste día, lembramos a todas as mulleres traballadoras e a todas as mulleres que loitan no mundo, polo que non podemos esquecer ás compañeiras palestinas. Segundo datos da Asociación Addameer, organización que da apoio ás presas e presos políticos na Palestina, o 2024 é o ano máis mortífero para as mulleres palestinas. As cifra total de vítimas mortais ascende a máis de 30.600 e o 70% son mulleres e crianzas e delas máis de 12.000 son mulleres.
Ademais, documentan arredor de 240 casos de detención de mulleres de Cisxordania, Xerusalén ocupada e os territorios ocupados desde o 7 de outubro. Respecto ás presas en Gaza, non hai información clara sobre o número de detención de mulleres que se enfrontan a un delito de desaparición forzada.
Desde Galiza por Palestina agradecemos o traballo da Executiva Confederal da CIG e da Marcha Mundial das Mulleres polo seu apoio constante á causa e á muller palestina, Este 8 de Marzo, na concentración de Compostela, despois do comunicado oficial intervirán mulleres palestinas representantes da Asociación Galaico Árabe Jenin convidadas pola organización: Rawan Abdallah e Sara Ashour.
Na súa intervención, e transmitimos as súas palabras, queren romper co discurso estereotipado dunha muller sometida e reivindicar a súa diversidade, a riqueza da súa cultura e visibilizar esa pluralidade.
Queren denunciar ademais, as situacións de abuso, acoso sexual, agresións e burla que sofren as palestinas baixo a ocupación israelí.