O Porriño | A XVII edición do Festival de Cans celebrarase entre os días 2 e 5 de setembro e será todo o encontro unha homenaxe ao director Chano Piñeiro polo vinte e cinco aniversario do seu pasamento. Tanto é así que o cartaz do festival está dedicado á figura do realizador de títulos representativos do audiovisual galego como son “Mamasunción” e “Sempre Xonxa”. Esta dedicatoria faise coa figura do personaxe Caladiño.
En vista das actuais circunstancias relativaos á presenza do coronavirus, o Festival creará un “escudo protector” sobre os maiores do lugar de Cans. Así, procederase a reducir considerablemente o aforo de persoas asistentes á mostra, a isto súmaselle a eliminación dos concertos nesta edición. O obxectivo é adaptarse ás medidas de seguridade.
A presidenta da Asociación Cultural Arelas, Keka Losada, explicou que “foi un gran esforzo chegar ata aquí. Queremos facer un certame moi especial, con prudencia e responsabilidade, con moi poucas entradas esta vez”. Desta maneira a venda limitada de entradas farase através da tenda online https://tenda.festivaldecans.com/-. En total serán 200 entradas para os pases de mañá e outras 200 para as sesións de tarde.
A Illa das Mentiras
A nova edición do Festiva comeza coa presentación do filme A Illa das Mentiras, ópera prima da directora Paula Cons. O filme foi elixido para participar no Festival de Shanghai, China, considerado un dos máis importantes internacionalmente. Isto acontece antes de que o filme chegue á plataforma de pagamento Filmin que acontecerá durante a última semana de xullo.
Parte do elenco deste film estará en Cans para o acto de apertura do Festiva que terá lugar o 3 de setembro no Salón do Círculo Recreativo Cultural. O aforo estará limitado a 120 persoas logo dunha preinscrición previa que o certame anuciará uns días antes do pase.
O director do Festival, Alfonso Pato, é unha “honra abrir o festival cunha persoa tan querida para nós como é Paula Cons”. Pato lembrou que Paula Cons “o pasado ano xa nos avanzou imaxes do film dentro da sección Fillxs de Cans, ademais de que tivemos fe cega no proxecto e as posibilidades que aportaba desde o primeiro visionado”.
Pola súa parte, a directora declarou que “non se me ocorre mellor sitio para facer a presentación que Cans, porque será a primeira vez que o filme se vexa no seu lugar natural que é unha pantalla grande”.
Nesta edición só poderán acceder ás proxecións, coloquios na Leira, e aduacións persoas que teñan unha entrada, debido á necesidade de ter un control do aforo. Todas as persoas deberán cumprir as normas vixentes de uso de mascarilla, hixiene e distanciamento social.