Cans/O Porriño | O Festival de Cans comezará este mércores 13 de novembro en Bruxelas un percorrido internacional que o levará a estar presente nos vindeiros meses en cidades como París ou Lisboa.
O certame porriñés pretende con estas proxecións abrir un circuíto por diferentes países, co que poida darlle visibilidade internacional ás novas e novos cineastas premiados nas últimas edicións. Este percorrido internacional, que tivo unha cita previa no mes de agosto no Teatro Valadares de Caminha en Portugal, arrancará con forza este mércores no Cinema Aventure de Bruxelas, co apoio da Asociación Couto Mixto, continuará no mes de decembro en Lisboa, co apoio da Asociación Xuventude de Galiza e e prolongarase ata o mes de febreiro, onde as curtametraxes premiadas do Festival de Cans se proyectarán na prestixiosa Université Sorbonne de París. Estas son as cidades pechadas polo momento, pero o Festival de Cans continúa facendo xestións para ampliar este circuito e que as obras poidan chegar a outras grandes cidades como Londres, Barcelona ou Berlín.
O director do Festival de Cans, Alfonso Pato, estará no Cinema Aventure de Bruxelas para ter un encontro co público e introducir algunhas das curtas premiadas na última edición
Na proxeción deste mércores en Bruxelas estará presente o director do Festival de Cans, Alfonso Pato,que se desprazará ata a capital europea para manter un coloquio co público e introducir varias das curtas premiadas que serán exhibidas no Cinema Aventure. Ademáis do documental “Quince Primaveras”, de Isaura Docampo, sobre o espíritu do Festival de Cans, en Bruxelas o público tamén poderá ver “Limbo”, a curta de Dani Viqueira que gañou o Premio do Xurado na categoria de ficción no última edición do festival, “Soy una tumba” de Khris Cembe, que foi o premio do xurado de animación e “Homomaquia” de David Fidalgo, mención especial do xurado na categoría de animación e unha das dez curtametraxes que está na preselección de finalistas dos Goya. Todas as curtametraxes se proxectarán en versión orixinal con subtítulos en francés.
A curta “Limbo”, leva máis de cen seleccións internacionais e ten colleitado 24 premios na súa exitosa traxectoria tras gañar en Cans. Pola súa parte, “Soy una tumba” de Khris Cembe, leva tamén multitude de seleccións e premios internacionais, entre os que está a súa nominación como finalista dos Goya.
Ao longo dos case dezasete anos de traxectoria do certame, o Festival de Cans ten pasado por numerosas cidades españolas como Madrid, Barcelona, Oviedo ou Bilbao, e por festivais de diversos países onde foi dando a coñecer o traballo de moitas realizadoras e realizadores novos, como o Shoot-me Festival en A Haia (Holanda), o Motovun Film Festival en Croacia ou o Festival de Douarnennez, na Bretaña francesa.