O Porriño | Superando os obstáculos motivados pola pandemia e con renovado optimismo, o Festival de Cans alcanza este 2021 a súa maioría de idade coa súa XVIII edición, desta vez a máis internacional, contando con cineastas de Israel, Brasil, Portugal ou Colombia.
Este 18 de agosto foi presentada oficialmente no Torreiro de Cans a XVIII edición do Festival de Cans, que se celebrará do 1 ao 4 de setembro. Un evento que xa é un patrimonio tanto porriñés como galego.
O director do Festival, Alfonso Pato, achegouse ao lugar da presentación no tradicional “chimpín” que caracteriza este evento que combina a presentación das novas producións de curtametraxes enmarcados dentro da visibilidade do mundo rural porriñés e galego en xeral.
O acto contou coa participación da alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre; o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; a concelleira de Cultura de Porriño, Cami Moreira; a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso; a deputada provincial Paula Cabaleiro; e patrocinadores de empresas como Gadis e Estrella Galicia, entre diversas personalidades.
Entre os patrocinantes tamén destacan Galicia Calidade, Xunta de Galicia, Concello de O Porriño, Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Cultura do Goberno de España, así como o apoio de AGADIC.
“Responsabilidade, resistencia e rebeldía’ son o mantra que define este Festival”
As dificultades sociosanitarias motivadas pola pandemia xa exerceron a súa influencia na pasada edición de 2020. Neste sentido, Alfonso Pato reivindicou o esforzo realizado para manter vivo este Festival a través da/os organizadores deste evento: “Responsabilidade, resistencia e rebeldía” son o mantra que define este Festival nestes novos tempos. Considerou tamén que a edición 2020 permitiu dar 150 altas laborais, salientando así a importancia do sector audiovisual e cultural para o fomento do emprego.
A edición 2021 terá preto de 40 actividades, dende proxeccións a roteiros, concertos, exposicións ou coloquios. O Festival recupera ademais este ano algúns dos seus espazos máis emblemáticos, como son os casos do Baixo do Moncho, a Casa do Carreira ou o Invernadoiro de Mucha e Juan do Peso, ata sumar 11 espazos, contando con tódalas medidas de seguridade sociosanitaria pertinentes.
Un festival “sen parangón”
Durante a súa intervención, a alcaldesa Eva García salientou o “compromiso do Concello do Porriño con este Festival”, aumentando a 40.000 euros a subvención municipal para a súa realización nesta edición 2021.
A rexedora porriñesa felicitou que este aumento da subvención foi posible grazas á “unanimidade entre tódolos grupos políticos da Corporación Municipal”, explicando así porqué este Festival “non ten parangón”, considerando que a edición 2020 “aprobouse con Matrícula de Honor”. Neste sentido, o director do Festival, Alfonso Pato, aproveitou para destacar que “se o Festival é capaz de poñer de acordo a tódalas formacións políticas porriñesas, benvido sexa”.
Pola súa banda, o conselleiro Román Rodríguez ampliou este compromiso por parte da Xunta de Galicia cun evento “que non é un festival calquera, é diferente porque é un referente audiovisual que valoriza o rural, implica aos veciños e da importancia ao sector audiovisual e que tamén une ás distintas administracións sobre a necesidade da súa realización”.
Destacou tamén as “raíces e orgullo propio” deste festival que demostra que “non ten límites” e que “promove a Galicia ante o mundo”. O conselleiro salientou igualmente o labor de Jorge Coira, quen será homenaxeado nesta edición “pola súa implicación co audiovisual galego”.
Mesma avaliación cara a valorización do sector rural e da participación dos veciños fixo a deputada provincial Victoria Alonso, considerando a posta en valor “dos espazos patrimoniais e naturais” de Cans a través do Festival e manifestando que a Deputación de Pontevedra apoia estas iniciativas audiovisuais, xa consolidadas con formatos como o RíasBaixas Festival.
Na presentación tamén estivo presente a Sra. Alicia, de 93 anos, veciña do Porriño e unha icona do Festival de Cans porque sempre apoiou a súa celebración cedendo o seu tradicional “galpón” para a realización das estreas das curtametraxes en edicións anteriores.
A edición 2021
Un total de 15 curtametraxes formarán parte este ano da sección oficial da competición de ficción e animación no Festival, das que oito serán de estreo. Ata 8 estrearanse en Cans, contando tamén outras seccións competitivas do certame como as 10 da categoría de Furacáns e as 8 da sección Novas Camadas. Son, en total, 34 as obras en competición.
Ademáis, 20 videoclips competirán polo premio do xurado na Noite Lasal dos videoclips, un vibrante escaparate da música do momento en Galicia. Fóra de competición, Cans acollerá a estrea de catro longametraxes e tamén inaugúrase a sección “Correspondencias”.
“O festival terá a participación de persoalidades recoñecidas internacionalmente como o cineasta brasileiro Kleber Mendonça Filho , o director galego Jorge Coira e o historiador Ian Gibson”
O festival terá a participación de persoalidades recoñecidas internacionalmente como o cineasta brasileiro Kleber Mendonça Filho (premiado no afamado Festival de Cine de Cannes), o director galego Jorge Coira e o historiador Ian Gibson, que terá un coloquio sobre a película documental “Donde acaba la memoria”, que volve sobre os pasos do mítico cineasta Luis Buñuel a Las Hurdes (Cáceres)
En materia musical actuarán as cantantes Sés e Maika Makovski, e tamén os actores Celso Bugallo e Tamar Novas están entre as persoas que pasarán polo Festival este ano. Tamén o farán realizadores e integrantes dos equipos das curtametraxes que participan na sección oficial deste XVIII Festival de Cans.
No ámbito internacional, cómpre salientar tamén a presenza do portugués Nuno Beato e a realizadora israelí Imbar Horesh. Tamén haberá actividades didácticas para nenas e nenos relacionadas coa cultura e o cinema e roteiros literarios.
Medidas sanitarias
Nos paseos en chimpín tamén será obrigatorio o tapabocas e en tódalas actividades do evento. Entre as medidas de seguridade tamén está a redución du aforo nun 50%. Mesmo nos chimpíns, nos que non poderán subir máis de 4 persoas a un tempo.
A aldea de Cans deberá ser desaloxada cada día antes da 1AM polo público, que só poderá chegar ao Festival en bus se conta con entradas ou inscricións para as súas actividades. Non haberá aparcadoiros para o público en Cans.