O Porriño | O Festival de Cans e a Concellaría de Cultura do Concello de O Porriño, botarán a andar desde esta fin de semana o proxecto “Cinemaldea”, coa intención de achegar o cinema a todas ás parroquias do Concello.
A primeira idea será difundir nestas áreas rurais unha selección das curtametraxes premiadas na última edición do certame.
Este proxecto xorde no marco do convenio de colaboración asinado entre o Concello e o Festival de Cans, polo que este último asume a coordinación destas proxecións, co obxectivo de facer o cinema accesible a todas as áreas rurais. Ó mesmo tempo, o proxecto busca consolidar unha programación de cinema ó longo do ano, máis alá das datas de celebración do Festival de Cans.
Para botar a andar esta novedosa iniciativa, que terá lugar por vez primeira, a Concellaría de Cultura do Concello de O Porriño abriu inicialmente un período de inscrición para todas as asociacións que quixesen sumarse ó proxecto.
Nove foron as asociacións inscritas para participar na iniciativa, que estará presente en sete parroquias diferentes ó longo dun mes, entre mediados de outubro e mediados de novembro.
En cada sesión de arredor de 75 minutos, poderán verse catro das curtametraxes que acadaron os principais premios en Cans, así como “Cans con máscara”, o documental de Isaura Docampo, sobre a anterior edición do certame. As catro curtametraxes que poderá ver o público son “Monte Bravo” de Noelia Muíño, que levou o Premio do Xurado á Mellor Curta, e o Premio Crea á melllor dirección, “Homeless Home” de Alberto Vázquez, Mellor Curta de Animación e unha das obras do ano, que mesmo foi finalista dos Premios Goya, “O Son da Balea” de Daniel Súarez-Rubini, que levou o Premio do Público, e “Deux Options” do rosaleiro Gon Caride, que levou dous premios, o de Mellor Guión AGAG, e o da mellor interpretación ex-aequo para os dous actores protagonistas, Jan Soja e Noël Faur.
Esta fin de semana terán lugar as primeiras sesións de proxecións. Este venres, 15 de outubro, botará a andar “CinemAldea” en Atios, na Asociación Cultural Os Penediños ás 19,30 horas, mañá sábado será o turno da Asociación Casal-Chan en Budiño ás 21,00 horas e o domingo tamén en Budiño na Forna, ás 19,00 horas. Os vindeiros 23 e 24 de Outubro, terá lugar en Mosteiro (Budiño) e en Cans, continuando en Chenlo o 6 de novembro, en Mosende o 7 de novembro, Carracido o 13 de novembro e rematarán en Torneiros o 14 de novembro.
A entrada a cada sesión de proxeción será gratuita, sempre co aforo limitado ó protocolo Covid vixente, e accederase por orde de chegada a través dunha inscrición previa dos datos de cada persoa, que se fará no lugar da proxeción media hora antes de cada sesión.