A Asociación Arela decidiu concederlle nesta edición o Premio Pedigree 2019, o seu máximo galardón honorífico, ao actor Carlos Blanco, “pola súa traxectoria de case tres décadas no mundo da interpretación, e pola súa disposición sempre para traballar con creadores e creadoras novos e, sobre todo, con curtametraxistas”. Ademais disto e da súa ampla traxectoria, o Festival entregaralle este galardón a Carlos Blanco pola súa labor como cidadán crítico e persoa comprometida coa sociedade.
Así mesmo, a organización do festival decidiu outorgarlle os Chimpíns de Prata “Premio Pepe Puime”, que recoñecen cada ano o apoio que unha personalidade lle outorga ao festival e mais o labor dos veciños e veciñas de Cans, á actriz e presentadora Neves Rodríguez, que acude ano tras ano ao festival e o dá a coñecer sempre que ten ocasión, e aos veciños Paz Acuña e Rafa González, propietarios da casa que acolle a todos os convidados e convidadas do festival no seu Día Grande e un dos nosos anfitrións máis imprescindibles. A casa de Paz e Rafa é cada ano o punto de partida da nosa procesión de chimpíns e, ademais, teñen no seu garaxa un pequeno museo con fotografías da historia do Festival.
Como novidade, o Festival de Cans crea este ano un novo galardón para recoñecer o traballo de profesionais da comunicación destacados pola súa contribución dando a coñecer o traballo do festival. Este Chimpín de Prata levará o nome da nosa veciña Divina Campos, pintora, pandereteira, narradora oral e entusiasta do festival falecida este ano aos 86 anos. O Festival quere recoñecer con este Chimpín de Prata “Premio Divina Campos” o traballo da xornalista Pilar Comesaña, unha das grandes referencias da información de cine en Galicia ao adicarse durante máis de tres décadas ao xornalismo cultural. Para o Festival de Cans, Pilar simboliza o traballo serio e comprometido con creadoras e creadores, sobre todo cos máis novos que están comezando, sempre cun traballo moi rigoroso dende detrás das cámaras.
Todos eles recollerán o seu premio durante a celebración do Festival, que terá lugar do 22 ao 25 de maio. Farano concretamente na “Noite das Homenaxes” que se celebrará o venres 24 no Torreiro de Cans, nun acto que rematará coa colocación de estrela de Carlos Blanco. Deste xeito o actor compartirá espazo no célebre “Torreiro das Estrelas” xunto a personalidades do audiovisual galego como: Antón Reixa, Antonio Durán “Morris”, Mabel Rivera, Javier Gutiérrez, Luis Tosar, María Pujalte ou Chelo Loureiro.
Premio Pedigree 2019
Carlos Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1959). Case sen decatarnos, Carlos Blanco converteuse nun dos actores máis icónicos e nunha das caras máis coñecidas e recoñecidas de Galicia. Hai vinte anos, a serie Mareas Vivas, converteuno nun actor moi popular, e dúas décadas despois o seu éxito multiplicouse coa magnífica interpretación do personaxe de Laureano Oubiña na serie Fariña. Actor asociado á comedia e monologuista excepcional, Blanco ten unha fecunda traxectoria nas últimas décadas, nas que ten participado en máis dunha ducia de series de televisión e outras tantas películas, ás ordes de directoras e directores como Patricia Ferreira, Clive Gordon, Gerardo Herrero ou Pedro Almodóvar.
Malia súa popularidade como actor, nunca renunciou a poñerse en mans de directores e de curtametraxes, elixindo moi ben sempre os seus traballos e demostrando unha gran versatilidade alén dos territorios da comedia que tan ben domina. Temporada 92-93 ou Amistad, ambos de Alejandro Marzoa, son un exemplo, mais tamén outros como Desayuno con diadema de Óscar Bernárcer – que lle valeu o premio ao mellor actor no Festival de Alicante- ou Mal de Sangue de Pedro Díaz, co que gañou o premio ao mellor actor no Festival de Cans 2013. Todo este recoñecido traballo no mundo das curtas poderase ver nunha retrospectiva nesta edición do Festival de Cans.
Chimpíns de Prata “Premio Pepe Puime”
Nieves Rodríguez. Nacida en San Sebastián, pero criada en Tui, o Festival de Cans concede este ano o Chimpín de Prata “Premio Pepe Puime” a unha actriz moi popular, pero sobre todo a unha entusiasta do Festival de Cans, ao que asiste ano tras ano. Coñecida primero como presentadora de televisión polo seu traballo en programas como Luar ou Galicia para o mundo, Nieves ten tamén unha prolífica traxectoria como actriz en series como Rías Baixas ou Pazo de familia. Desde 2017 ata o pasado mes de febreiro foi presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, entidade desde a que participou e apoiou numerosos coloquios no marco do Festival.
Paz Acuña e Rafa González. O Festival de Cans tamén recoñece cada ano o traballo de veciñas e veciños da aldea. Rafa e Paz forman unha parella que se converteu case desde os inicios do certame nuns anfitrións imprescindibles durante a celebración do Festival. A súa casa no barrio do Castillo é moito máis que o lugar onde arranca o sábado, Día Grande do festival, a procesión de chimpibuses. Alí, Paz e Rafa ofrecen a súa casa, a súa cociña, os seus baños e o seu xardín para organizar a comida que acolle a todas as convidadas e convidados do Festival. Ademais, ao longo dos anos, foron recompilando fotografías e recortes de xornais e revistas ata converter o seu baixo nun pequeno museo da historia cinéfila do festival.
Chimpín de Prata “Premio Divina Campos”
Pilar Comesaña. En máis de tres décadas adicadas ao xornalismo cultural, Pilar Comesaña, actualmente xornalista do programa ZigZag Diario da Televisión de Galicia. Ao longo da súa carreira profesional ten dirixito programas como Dezine ou Planeta Cine, e tamén estado ao fronte de Compostelán ou páxinas xornalísticas que configuraron a cultura popular como Pharo the Bego.
O Festival de Cans cre que Pilar Comesaña simboliza o traballo serio e comprometido con creadoras e creadores, sobre todo cos máis novos que están comezando, sempre cun traballo moi rigoroso dende detrás das cámaras. Por iso, a Asociación Arela, organizadora do Festival, dediciu concederlle este pequeño recoñecemento a un traballo que considera imprescindible para construír a historia cultural das últimas décadas.