Porriño | A alerta sanitaria derivada do Covid-19 mantén en vilo á organización do Festival de Cans, que tampouco permanece allea a esta situación. Aínda que o festival segue traballando co horizonte posto nas datas previstas inicialmente para a celebración do evento, do 19 ao 23 de maio, non se descarta un posible aprazamento.
No prazo máximo dun mes tomarase unha decisión definitiva sobre as datas do festival en función de como evolucione a crise sanitaria derivada do Covid-19
A forma na que están a desenvolverse os acontecementos, non permite asegurar neste momento que a situación vaia estar normalizada a finais de maio. Por este motivo, a organización busca actuar con prudencia e garantir que a protección da saúde prevaleza sobre criterio irrenunciable á hora de tomar calquera decisión.
A participación de cineastas e artistas internacionais que viaxarían desde fóra de Galicia, obrigan a actuar con prudencia para garantir a celebración do XVII Festival de Cans.
Desde os primeiros días de marzo, o festival está en contacto coas autoridades sanitarias e acatará as súas recomendación á hora de tomar unha decisión sobre a celebración do evento. A decisión definitiva, en todo caso, tomarase no prazo máximo dun mes, e irase informando tamén ás veciñas e veciños da aldea que colaboran co festival para mantelos ao tanto dos pasos que se vaian dar.
Outro dos factores a ter en conta son os numerosos desprazamentos previstos de cineastas e artistas desde fóra de Galicia e desde diversos países de Europa e mesmo de América, cuxas entradas e saídas están sendo moi restrinxidas. Polo tanto, a volta á normalidade será un requisito imprescindible para facer posible, dende o punto de vista loxístico, a celebración do Festival.