O filibusterismo parlamentario do PPdeG.

Hai algunhas semanas o noso Parlamento aprobou a constitución dunha Comisión de Investigación a respecto da adxudicación do contrato de obra pública e concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e máis a respecto da contratación pública no longo período de presidencia de Núñez Feijóo (maio 2009-maio 2022). Consonte co Regulamento da Cámara galega abondaron para esta decisión os 25/75 deputados (un terzo) do BNG.

Canto ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a evidente orixe do pedimento desta Comisión de pescuda alicérzase no informe deste verán de 2024 do Consello de Contas de Galicia, que rexeitou amplamente a privatización das funcións todas non sanitarias do Hospital xeradas polo desaquelado esquema contractual de Núñez Feijóo e avaliou en 165,8 M€ do 2010 (470 M€ nominais ao remate da concesión no 2035) o sobrecusto desta contratación privatizadora a respecto do proceso cotián da contratación pública, licitando por unha banda a obra e por outra banda determinados servizos non sanitarios. Para máis este estaribel só serviu para gañar 80 camas e 3 quirófanos a respecto da oferta da área sanitaria de Vigo anterior ao novo Hospital.

Canto á contratación pública do mandato de 13 anos dos gobernos de Núñez Feijoo, constitúe o cerne desa investigación os contratos públicos da Xunta e os seus entes dependentes adxudicados ás empresas do Grupo Eulen dende maio de 2009. Razóns? Micaela Núñez Feijóo, irmá do ex presidente deste país, desenvolveu postos de decisión na estrutura territorial galega do Grupo Eulen dende poucos meses despois do nomeamento do seu irmán como vicepresidente da Xunta (primavera de 2009) e, dende 2016, é a directora territorial Noroeste dese Grupo.

“Entre primeiros de 2024 e mediados de setembro de 2024 detectáronse 1,6 M€ de contratacións en licitacións menores, o que reflicte dúbidas racionais de determinados fraccionamentos ilegais de contratacións para evitar as licitacións por procedemento aberto”

Entre primeiros de 2024 e mediados de setembro de 2024 detectáronse 1,6 M€ de contratacións en licitacións menores, o que reflicte dúbidas racionais de determinados fraccionamentos ilegais de contratacións para evitar as licitacións por procedemento aberto. No 2015 as empresas do Grupo Eulen seica obtiveron 6.2 M € de adxudicacións da Xunta e entidades dependentes. Dende maio de 2009, datas nas que o irmán de Micaela accedeu á presidencia deste país, a media contractual do Grupo Eulen foi de 2,86 M€ en 139 contratacións, segundo informacións de 2022 do xornal Público Diario.

Fóra do ámbito do Grupo Eulén tamén foi rechamante a adxudicación masiva de licitacións para servizos de emerxencia durante a pandemia a empresas sen experiencia previa neses sectores. Todas as persoas teñen dereito á presunción de inocencia. Xa que logo, a presenza de Núñez Feijóo, a súa irmá Micaela e demais colaboradores, canda os demais responsábeis dos departamentos do Goberno galego e entidades drpendentes da Xunta e empresas contratistas atinxidas sería a ferramenta máis acaída para acadarmos unha visión transparente do que pasou e, tamén, para posibilitar que as persoas e empresas obxecto de investigación puidesen ficar limpas de toda ou, polo menos, case toda sospeita. No canto de amosaren transparencia e de atenderen á defensa da súa honorabilidade, o cumio do PP estatal esixiu de Rueda rexeitar todas estas comparecencias na sede da soberanía popular, optando polo filibusterismo parlamentario. Un filibusterismo que agochará, por non moito tempo, informacións de maior ou menor dimensión que han sair máis cedo ca tarde.

Perde Núñez Feijóo ao desaproveitar unha oportunidade para xustificar a súa pasada xestión contractual na Galicia e perde o Presidente Rueda por se deixar mandar dende Madrid, amosando unha vez máis que aínda non acadou a súa autonomía, malia unhas cousas e outras. Mais aquí non pasou nada. Din no Pazo do Hórreo que a lexislatura e, canda ela, a comisión de investigación van ser moi longas.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.