A Coruña | O filme Nación dirixida por Margarita Ledo Andión gañou o premio ao Mellor Documental na Gala dos Premios Mestre Mateo que se celebrou onte na cidade da Coruña. O documental producido por Nós Produtora Cinematográfica continua cultivando éxitos desde a súa estrea internacional na pasada edición do Festival Internacional de Cinema de Sevilla. No seu emotivo discurso a súa directora, Margarita Ledo Andión, quixo lembrar a todas as mulleres que participaron nela e dixo que a pensou coma unha película que nos libere dos medos e para gardar a memoria das traballadoras.
Nación dirixida por Margarita Ledo Andión estrenouse o 26 de marzo en Galicia e España, converténdose na mellor estrea independiente e acadando a mellor media por copia en todo o territorio. O filme continua nas salas na súa cuarta semana tras a súa estrea comercial.
“Nación é unha obra de non ficción na que Margarita Ledo Andión dá continuidade a unha liña de traballo que contribúe á construción dun novo canon para o cinema de xénero. O filme aborda a historia oculta de moitas mulleres que viviron baixo a represión sexista do sistema patriarcal”
Nación é unha obra de non ficción na que Margarita Ledo Andión dá continuidade a unha liña de traballo que contribúe á construción dun novo canon para o cinema de xénero. O filme aborda a historia oculta de moitas mulleres que viviron baixo a represión sexista do sistema patriarcal. Trata do moito que tardaron en ter dereitos non só para poder votar, senón para acceder ao traballo asalariado e á posibilidade de ser independentes.
Para construír este relato Margarita Ledo Andión enlaza imaxes que auto-rexistraron e rexistraron a acción e a voz das mulleres en diferentes situacións e épocas cos testemuños de Nieves P. Lusquiños e un grupo de operarias, que nos ensinan o que representa o fin dunha época na que a muller accedera ao traballo industrial.
Durante o relato, que introduce a persoaxe da esfinxe (Eva Veiga), estes testemuños entrelázanse coa parte ficcionada protagonizada polas actrices galegas Mónica Camaño, Mónica de Nut e Xoana Pintos que forman unha personaxe coral que representa ás mulleres silenciadas que traballan no campo e nas fábricas mentres asumen os roles familiares asignados baixo a represión do arraigado sistema patriarcal na sociedade.
Sinopse
A fábrica galega de louza Pontesa pechou en 2001. Vinte anos despois, á espera de sentenza sobre a súa reclamación de débeda pendente, un grupo de traballadoras lembra o símbolo da súa liberdade individual, a súa emancipación económica e a súa loita sindical. Nieves, Ester, Manuela, Carmen F. e Carmen A. manteñen viva a pelexa polos dereitos da muller na España do século XX. A historia das súas vidas desprégase en presenza da esfinxe: reclama a memoria das operarias do téxtil, a louza e a conserva e anuncia voces e arquivos que engarzan tempos e corpos diferentes. Traballar sen cobrar? Iso nin falar.
Sobre Margarita Ledo
Margarita Ledo Andión (1951, Castro de Rei, Lugo) é unha relevante figura da cultura galega, cineasta, escritora e catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela. Publicou o seu primeiro libro, Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto, un poemario, en 1970, ao que seguen outros libros de poesía, narrativa, ensaio e investigación.
Funda e dirixe diversas publicacións con especial foco na cultura contemporánea e a reivindicación da lingua galega e espírito militante. A súa primeira longametraxe é Santa Liberdade (2004), ao que lle segue Liste, pronunciado Líster (2007), e a ficción A cicatriz branca (2012), derivada da súa novela Porta Blindada. Dirixe tamén varias pezas curtas experimentais e documentais. En 2017 o Festival internacional DocumentaMadrid dedícalle unha retrospectiva. É Premio Nacional dá Cultura Galega 2008 en Cinema e Audiovisual, Premio Otero Pedrayo 2017 e numeraria da Real Academia Galega.