Bueu | O filme romanés ‘Cadoul de Craciun’ proclamouse a pasada noite gañador do 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra) ao facerse coa Ánfora de Ouro, dotada con 2.000 euros. O alcalde accidental, Julio Villanueva, fíxolle entrega do premio a Bogdan Mureșanu, director desta historia que nos sitúa ante a represión de Ceaușescu en clave de humor negro. “Este é un dos lugares máis marabillosos nos que estiven, pola xente, polo amor ao cinema, por como está todo organizado; deixarei este lugar con moi bos recordos e moitos amigos”, asegurou o realizador. O filme foi recoñecido tamén cos premios a Mellor guión e a Mellor actor para o protagonista, Adrian Vancica.
A Ánfora de Prata, que ascende a 1.000 euros, foi para ‘Lake of hapiness’, coprodución entre Bielorrusa e Alemaña dirixida por Aliaksei Paluyan. “Este é un dos mellores festivais aos que acudín, porque a xente non o ve como un traballo, senón que o fai con cariño, e o público non asiste só porque as curtas sexan interesantes, senón porque o cine nos conecta”, apuntou ao recibir o galardón de mans da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que na súa intervención reivindicou a visibilidade das mulleres e a lingua galega. Aliaksei Paluyan xa subira ao escenario en dúas ocasións, para recoller os premios a Mellor dirección artística e Mellor actriz, neste caso para Anastasasiya Plyats. O realizador revelou con emoción que a protagonista do filme é tamén na realidade unha nena orfa, que vive nun centro de acollida.
Pola súa banda, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, anunciou o agardado Premio do Público para a fita de animación ‘Mémorable’, non sen antes “felicitar ao FICBUEU por cumprir dous obxectivos como son a promoción do audiovisual en formato curto e servir de plataforma de difusión para os creadores galegos”. O Premio R á mellor curtametraxe galega recaeu sobre ‘La noche’, de Martín Romero, e anunciárono a dúas mans Luís Cantón, representante da compañía de comunicacións, e mais o director Andrés Goteira, membro do xurado nacional. O Premio Fundación Novas a mellor curtametraxe española desvelouno o representante desta entidade, Suso Portela. O galardón, recaeu no filme vasco ‘592 metroz goiti’ e recolleuno un dos actores, Javier Díez.
Cada un destes tres premios estaba dotado con 500 euros, igual ca o de Mellor curtametraxe experimental que, tal como anunciou un dos membros do xurado desta categoría, Suso Novás, foi para ‘Blue’, do afamado director tailandés Apichatpong Weerasethakul. A asociación de profesionais da dirección e a realización de Galicia entregou o Premio CREA á mellor dirección, que ascende a 200 euros e que recaeu no canadiano Jeremy Comte por ‘Fauve’.
Dous premios mereceu ademais o documental suízo ‘All inclusive’, que gañou os de Mellor fotografía e Mellor montaxe. Curiosamente, na Sección Internacional competía unha obra de ficción finlandesa co mesmo título, ‘All inclusive’, recoñecida co galardón á Mellor música, que recolleu a actriz Hannamaija Nikander. Outros dous premios obtivo a fita australiana ‘Nursery Rhymes’, a Mellor vestiario e Mellor maquillaxe/peiteado. O director Vasco Sá e o animador Dimitrije Mihajlovic subiron a polo premio ao Mellor son para a curta portuguesa ‘Agouro’.
Todos os galardoados levaron para os seus países un trofeo elaborado por internos do centro penitenciario da Lama, agás no caso dos dous primeiros premios, que recibiron a xa tradicional anforiña creada pola ceramista Sandra Obarrio. A Gala de Clausura conectou asemade coa realidade social a través do vídeo de apertura, en apoio á loita da veciñanza da Illa de Ons. As reivindicacións deixáronse notar tamén no discurso do director do FICBUEU, quen tras o capítulo de agradecementos reclamou “que os espazos municipais estean acondicionados para o correcto desenvolvemento das actividades”. Manuel Pena, amosouse “moi orgulloso do apoio da xente de Bueu ao festival” e asegurou ter en conta a demanda de incorporar máis comedias.
A cerimonia de entrega de premios, conducida polo actor César Aldea co acompañamento de Severiano Casalderrey ao piano, puxo fin a unha xornada de peche que incluíu unha charla sobre produción, as concorridas actividades do Mini-FIC e mais a Gala Escolas Galegas, na que se alzaron cos galardóns o CEIP de Guillarei, o IES Cacheiras e o IES Audiovisual de Vigo. A foto de familia diante do tapiz elaborado pola Asociación Cultural Alfombras de Corpus de Bueu puxo fin a nove días de actividades e proxeccións polas que pasaron milleiros de persoas.