Este ano o Filminho tivo variedade de temáticas: Eliseo Alonso, o río, o Lanzo da Cruz, as fronteiras e a crise. Estes asuntos foron tratados en distintos formatos. Así, houbo exposición de fotografías, sesión de poesía, obradoiros infantís e moito cinema.
O evento comezou o sábado 22 de outubro cunha sesión de poesía en torno á obra de Eliseo Alonso. O acto contou coa moderación da profesora Helena Pousa e coa actuación de Esperanza Vázquez. Ademais amigos e familiares de Eliseo Alonso fixeron unha lectura do seu poemario.
Á sesión de poesía seguiulle a inauguración da exposición de fotografías sobre o mesmo autor, “O Pai Miño. As miradas sobre o río de Eliseo Alonso”, centrada nas fotografías que o autor quitou durante os anos 60 e 70 ao longo do río Miño. Así expuxéronse fotografías tanto do seu Goián natal como da zona de Arbo e Salvaterra.
Para finalizar o día houbo unha grande estrea e unha aposta do Fórum de Creadores: Lanzo das Imaxes, un documental de 50 minutos dirixido por André Martins e producido por Natalia Jorge que xira en torno á vella romería do lanzo da cruz da parroquia tomiñesa de Sobrada e das xentes que o conservaron e o trasmitiron de xeración en xeración. As imaxes sobre o río, sobre as ribeiras galegas e portuguesas, así como as ricas entrevistas feitas aos veciños e veciñas introducen ao espectador no mundo das sociedades agricultoras e pescadoras miñotas do xa rematado século XX. É un alegato contra o esquecemento, unha vontade a favor da memoria e da riqueza patrimonial e cultural do Torrón.
O filme conta coa participación de máis de 50 persoas que directamente ou indirectamente colaboraron na súa elaboración, ben durante a grabación ou ben durante a montaxe. Este proxecto no que Natalia Jorge e André Martins traballaron dous anos contou coa colaboración do Concello de Tomiño.
O Lanzo das imaxes percorre a memoria dos velliños e velliñas do Torrón nun afán de reconstruir a parroquia en épocas anteriores, pero tamén bebe da forza e do traballo da comisión de festas que organiza a romería do lanzo da cruz. Ademais, indaga nas vellas tradicións e supersticións dos pescadores e é testumuño do día grande do barrio coa celebración da súa lonxeva romería, o lanzo da cruz.
A voz de Natalia Jorge mestúrase coa trama do relato, ela guía ao espectador por esta viaxe a través do universo do Torrón. Da súa man coñecemos da desaparición dunha cruz moi importante na parroquia, da súa man tamén escoitamos falar do contrabando, da pesca e do campo.
Os espectadores que acudiron á estrea do Lanzo das imaxes riron pero tamén se emocionaron. O Lanzo é un documentario pero traspasa a pantalla para adentrarse no espectador. Natalia Jorge destacou “a importancia que ten o filme como reivindicación da memoria e da historia local. É un filme que mostrará a outras terras a terra do Torrón”. A próxima parada deste filme é a súa proxección durante a romería do Lanzo da Cruz de 2012.
“Eu son aquele, un tal E.A.
Que rolou, amou, soñou, sofreu
Polos perdidos e non atopados,
Polos esquecidos e nunca lembrados
Que aboian na fumaza das pipas,
bebedeiras e amarelas madrugadas.”
Así comeza un dos últimos versos que Eliseo Alonso ou Saito de Goián plasmou coa súa vella máquina de escribir. Catro son os seus poemarios: Cantos de Cotovía (1950), Seara de Romances (1952), Tiempo y camino (1974) e A fronteira comunicante (2000). A infancia, a terra, a paisaxe, a emigración, o retorno, América e o enfrontamento coa morte son temas profundos que trata no seu poemario. Falamos dunha traxectoria como poeta cos seus inicios e a súa madurez.
Pola importancia que tivo a súa poesía na súa traxectoria profesional e pola pegada profunda que existe nela do seu Goián natal o Festival de cinema galego e portugués Filminho xunto coa asociación de poesía Porta XIII recuperaron o poemario deste poeta raiano na pasada edición de Filminho. Amigos e amigas de Eliseo Alonso recitaron os seus versos nun lugar ao que o propio autor tiña especial afecto xa que era propiedade dun amigo.
O acto non pretendía ser unha homenaxe, senón tan só unha reunión de amigos e amigas ás voltas coa poesía do Saito de Goián. O evento contou cun recital de poesía no que interviron poetas da talla de María Xosé Queizán, Marta Dacosta e Marga do Val e de amigos e amigas galegos e portugueses. Ademais a música Esperanza Vázquez puxo voz e piano ao poema “o vello capitán”. Finalmente a Alcaldesa de Tomiño , Sandra González, e a filla e herdeira do legado do poeta, Alicia Alonso, puxeron o broche final a un acto íntimo e emotivo.
O obradoiro “Ás voltas con Rosiña, miña gamela” entusiasma aos nenos e nenas de Tomiño
Dentro da programación da súa cuarta edición, o Filminho celebrou o obradoiro infantil “Ás voltas con Rosiña, miña gamela”. O taller tivo lugar no centro goianés onde 27 nenos e nenas de Tomiño puideron disfrutar do cinema, da música e da literatura
O obradoiro foi impartido por Esperanza Vázquez, quen contou aos nenos varios contos do libro Reiciñeira, de Eliseo Alonso. A través de cancións e do uso de intrumentos musicais introduciu aos participantes no imaxinario mundo de Reiciñeira. Ademais, os nenos fixeron un teatriño coa historia de “Rosiña, miña gamela” na que actuaban como actores e actrices. Así mesmo, cun pequeno escenario os nenos moveron as figuras que aparecen dentro do relato para construir un filme de animación mediante a técnica do stop-motion.
Os participantes, así, puidon interactuar e coñecer a obra infantil de Eliseo Alonso, e descubrir como se fai un filme de animación. Así, os cativos tomaron contacto co cinema e descubriron pequenos segredos deste mundo de fantasía.