Deputación da Coruña | O ‘Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza 2021-22’ arranca formalmente a súa andaina coa apertura do prazo para presentar solicitudes, que permanecerá aberto durante un mes.
Trátase da primeira das iniciativas que pon en marcha a área de Cultura da Deputación da Coruña e coa que abre unha nova liña de traballo que ten o Reino de Galiza e a difusión da historia medieval galega como eixo central.
Desde que a comezos de ano se fixera pública a creación deste Fondo, no servizo de Cultura da Deputación recibíronse un gran número de consultas sobre esta nova convocatoria o que, en palabras do deputado de Cultura, Xurxo Couto “evidencia a existencia previa dun gran interese en desenvolver iniciativas relacionadas coa nosa historia medieval e que, tal e como xa tiñamos detectado, precisan dunha canle de apoio para ver a luz”.
Precisamente atendendo ao número e á tipoloxía de consultas recibidas, Xurxo Couto indica que “esperamos que esta primeira edición do Fondo aranque xa cunha diversidade de proxectos significativa, e que contribúa a poñer en valor a historia, as figuras, os lugares e os momentos do Reino medieval de Galiza”.
Convén lembrar que o ‘Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza 2021-22’ conta cunha dotación orzamentaria de 250.000 euros para desenvolver proxectos en todo tipo de soportes e formatos, desde libros e discos, ata merchandising, intervencións de cultura urbana, contidos para canles de Redes Sociais, ou produtos vinculados á denominada ‘cultura pop’.
Esta convocatoria está especificamente destinada a empresas e persoas autónomas e de todas as propostas presentadas, seleccionaranse un total de 20 proxectos que recibirán unha cuantía máxima de 12.500 euros cada un.
O ‘Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza 2021-22’ terá contunidade con novas iniciativas relacionadas coa historia medieval de Galiza que se desenvolverán tanto ao longo de 2022 como en vindeiros anos.
A filosofía desta liña de traballo é, tal e como indicara Xurxo Couto durante a presentación do Fondo “socializar unha das etapas máis relevantes e tamén unha das menos estudadas da nosa historia social e política”, ao que engadira que “a sociedade galega actual precisa coñecer o seu pasado para comprenderse mellor na actualidade e poderse pensar con máis capacidade cara o futuro”. As solicitudes para esta convocatoria, que sae hoxe publicada no BOP, deberán realizarase por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible desde a sede electrónica da Deputación provincial da Coruña https://sede.dacoruna.gal/