Deputación da Coruña | O Foro Económico e Social (FES) da Deputación da Coruña reuniuse esta mañá no Pazo de Mariñán, en Bergondo, para reflexionar e analizar a situación social e económica da provincia co fin de deseñar plans estratéxicos nos eidos clave para o futuro do territorio coruñés.
O encontro estivo presidido polo presidente provincial, Valentín González Formoso, e contou coa participación das forzas sindicais, a patronal, as dúas universidades da provincia (Universidade da Coruña e Universidade de Santiago de Compostela), así como outros axentes sociais. Todos eles abordaron temáticas como o desenvolvemento industrial, o prezo da enerxía, o emprego e a loita contra a covid-19.
Segundo sinalou González Formoso, na reunión do Foro analizáronse os parámetros cos que pecha o 2021 a provincia coruñesa en relación ao emprego e á recuperación da actividade industrial, así como as perspectivas que teñen o Banco de España e entidades bancarias de crecemento para este ano. “Abordamos tamén a situación de presión alcista que estamos a vivir con respecto aos prezos no ámbito enerxético e, en xeral, en todos os elementos de consumo industrial e social”, manifestou Formoso.
Ao longo da sesión tamén se falou do nivel de execución das “infraestruturas estratéxicas” para o país como a chegada do AVE ou a conexión ferroviaria dos portos exteriores da Coruña e Ferrol, así como das “potencialidades que hai que explorar, sobre todo no ámbito enerxético e no da investigación para poder ofertar oportunidades laborais no país para a mocidade”, argumentou o presidente provincial á saída do Foro.
Neste sentido, un dos temas abordados na reunión de hoxe foi o “escenario de oportunidades” que abren tanto a Cidade das TIC na Coruña coma o polo biotecnolóxico da Sionlla, en Santiago, para desenvolver dous sectores fundamentais para o futuro do país.
Ao longo da sesión de hoxe, as persoas participantes traballaron en ámbitos estratéxicos para o territorio, aportando novas liñas de actuación no que respecta á demografía, á formación, á igualdade de oportunidades e ao emprego, en consonancia cos Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible 2020-2023 (ODS) e o Plan de Recuperación e Resiliencia.
Todo isto sen perder de vista que estes eixos estratéxicos deben, ademais, contribuír á mellora dos sectores produtivos clave, como son o agropecuario, o pesqueiro, o marisqueiro e acuícola, o comercio, o turismo e os servizos sociais.
A Deputación dedicará 8,3 millóns ao PEL máis social e sostible
En relación ao eido do emprego, o deputado responsable desta área provincial, José Ramón Rioboo, destacou a necesidade de “potenciar a formación para o emprego, que é un dos principais piares para o acceso ao mundo laboral”.
O deputado sinalou as oportunidades que pode presentar o feito de “involucrar á empresa privada de diferentes sectores para potenciar a formación, sobre todo na mocidade”. Rioboo expresou que nesta faceta “temos que incidir desde as administracións”, facilitando a transferencia de coñecemento do mundo académico ao empresarial.
O deputado explicou que “quizais hai que impulsar o I+D a nivel educativo” e incidir na problemática coa que se atopan a industria e as empresas, “que denotan falta de man de obra en ámbitos coma o transporte ou o téxtil”.
Rioboo tamén adiantou que o Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación será neste 2022 “máis social, sostible e cunha maior dotación económica”. A Deputación destinará, concretamente, 8.260.000 euros a sufragar estas axudas no presente ano.
Este importante investimento fomentará a actividade económica dos sectores máis afectados pola crise económica derivada da pandemia, reforzará o apoio a empresas dos eidos estratéxicos emerxentes, dando prioridade tamén a aquelas iniciativas empresariais con actividades enmarcadas nos ámbitos recollidos na Axenda de Competitividade Galicia-Industria 4.0.
Unha aposta polo emprego que busca coidar e fortalecer as empresas xa existentes na provincia, mellorando a súa resiliencia, pero tamén dinamizando e poñendo en marcha o maior número de iniciativas posible.
Espazo de diálogo para construír o futuro da provincia
O FES foi creado en febreiro de 2021 como espazo común de traballo e diálogo permanente entre a Deputación e os principais axentes sociais da provincia.
A súa finalidade é a promoción do análise, o debate e a reflexión da situación económica e social da provincia, a avaliación das medidas concretas de actuación das institucións, a formulación de propostas e solucións en materia económica e social, así como a colaboración na planificación estratéxica de proxectos no ámbito da provincia.
A través deste Foro, o ente provincial busca facer fronte aos principais retos para acadar unha transformación de futuro, sostible e perdurable. Un desenvolvemento económico que favoreza a cohesión e o equilibrio territoriais grazas a unha planificación e implementación axeitada das infraestruturas e servizos que axuden a garantir o benestar social e a calidade de vida da cidadanía.