O Foro inmobilista da Toxa.

Cadernos da viaxe.

Dende que existe o Foro da Toxa (2019) constitúe marca da casa, alén da falla de respecto pola lexislación toponímica galega, a definición duns relatorios nos que, no canto de tentar reflectir o pluralismo social e político da Galicia, do Estado e de Portugal, convídanse sistematicamente persoeiros vencellados a unha escolla política moi concreta: a defensa da Monarquía, de España como Esrado-Nación e a intanxibilidade da Constitución de 1978.

“O Foro di defender os valores da democracia liberal, mais esquece sistematicamente convidar persoeiros non aliñados co PP ou co PSOE”

O Foro di defender os valores da democracia liberal, mais esquece sistematicamente convidar persoeiros non aliñados co PP ou co PSOE (e destes sempre se convida ás persoas máis próximas ás teses inmobilistas de Felipe González, Alfonso Guerra et alter ). Como esquece a forza relativa dos soberanismos catalán, vasco e valenciano, a pertenza dun terzo dos deputados galegos ao soberanismo do BNG e máis a existencia dunha esquerda estatal allea ao PSOE.

Para máis os relatores e organizadores, mallando ano a ano (e xa van seis) na súa ilegalidade toponímica, non reflicten nos temas elixidos nin nos seus relatores a pertenza da Toxa a un país chamado Galicia cunha identidade lingüística e cultural de noso e cunha especificidade social e económica ben definida. Organízase o Foro na Toxa como se podería ter organizado na Castellana de Madrid ou na praia de Marbella.

Fóra dos convidados institucionais son sempre omnipresentes no Foro Núñez Feijóo, Mariano Rajoy e Felipe González. Nesta edición de 2024, Felipe González defendeu unha reforma constitucional (“reseteo” definiuna) para garantir a integridade territorial de España como “Estado-Nación”, mentres Rajoy defendeu o bipartidismo PP-PSOE (nidiamente o bipartidismo dinástico) como a fórmula de representación cidadá máis democrática e operativa.

Dous Presidentes que amorean 20 anos de exercicio (28 se lle engadimos o aznarato) exclúen do sistema millóns de cidadáns do Estado que acreditan na súa fomulación plurinacional ou que escollen opcións estatais alleas a este bipartidismo ou nacionalistas, soberanistas ou mesmo territoriais, vetando calquera evolución democrática cara esa plurinacionalidade ou cara ao afondamento nas liberdades e valores democráticos que di defender o devandito Foro.

A mensaxe é ben clariña. Hai persoas que pensan e votan ben e outras que pensan e votan revirado. O marco xurídico-político é irreformábel se non é para garantir aínda meirandes graos de desaxuste coas novas realidades e preocupacións da cidadanía.

E, por riba de todo, reflíctese que só hai un discurso político correcto e respectábel ao que compre se acheguen todos os actores políticos, sociais e mediáticos, baixo ameaza de ser considerados perigosos antisistema ou, cando menos, persoas e organizacións non dignas de creto nin de confianza.

“O discurso político único que leva desenvolvendo dende 2019 o Foro da Toxa descoñece o pluralismo nacional, social e político do Estado español e a identidade propia de Galicia”

O discurso político único que leva desenvolvendo dende 2019 o Foro da Toxa descoñece o pluralismo nacional, social e político do Estado español e a identidade propia de Galicia, afastando do foco e do debate as opinións democráticas que non coinciden coas súas teses inmobilistas a respecto da convivencia nunha España que xa non existe como a pensan estes que din defendela.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.