O Foro Peinador e a Deputación de Pontevedra reivindican o compromiso co galeguismo empresarial

No marco dun encontro celebrado no Pazo Provincial

Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirmou este martes o compromiso do organismo provincial coa protección, normalización e difusión da lingua galega no acto “Galeguismo empresarial: comprometidos co futuro” promovido polo Foro Enrique Peinador e que tivo lugar no Salón de Plenos do Pazo provincial. “O galego define a realidade na que vivimos”, defendeu o mandatario provincial despois de asinar unha declaración institucional coa finalidade de seguir impulsando o uso do galego no ámbito empresarial.

A xornada comezou arredor das 12.30 horas coa proxección dun vídeo relacionado co galeguismo empresarial despois de que a secretaria do Foro Enrique Peinador, Carmen Vaquero, dera á benvida ás persoas asistentes. Logo chegou a quenda das intervencións, onde tomaron a palabra presidente do Foro, Xosé González; a representante de Navantia, Isabel Carro; e o director executvo de Leite Noso, Pedro González. A continuación, procedeuse á sinatura dunha declaración institucional pola que os participantes neste acto se comprometen a impulsar o emprego da lingua galega no ámbito empresarial e a reafirmar o compromiso co idioma e a identidade galegos no sector económico de Galicia. A sesión rematou cos discursos do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García González; e do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.

Na súa quenda, o titular do executivo provincial detallou o compromiso da Deputación pola normalización e uso do galego ao detallar os distintos investimentos e iniciativas que o organismo supramunicipal ten en marcha neste eido. “Deixando á marxe o non menos relevante feito de que comunicamos as 24 horas do día, e os 365 días do ano en galego”, comezou Luis López un discurso no que se referiu tamén á súa decisión de incorporar o servizo de Normalización Lingüística da Deputación ao departamento de Presidencia. O presidente citou tamén o reparto de 200.000 euros entre os concellos para reforzar os seus servizos de normalización, o apoio con 150.000 euros a 35 municipios para actividades de fomento do galego, as axudas dotados con 150.000 euros para entidades sen fins de lucro para realizar as súas actividades en lingua galega ou o apoio directo a editoriais, colectivos culturais, iniciativas empresariais ou producións audiovisuais en galego. Neste punto, Luis López referiuse á colaboración coa rodaxe da película “Antes ca nós”, baseada na vida de Castelao; ou as recentes liñas de colaboración abertas co Correlingua ou a Asociación Psicopedagóxica Galega. “Nesta Deputación fomentamos unha vida en galego para quen a desexe”, afirma o presidente.

A lingua galega forma parte tanto da vida persoal coma profesional de Luis López. “Nacín, medrei e morrerei en galego. É o resultado de medrar nun pequeno anaco de terra chamado Rodeiro. Alí, como un personaxe calquera de Neira Vilas pero nacido na casa dos Lugués, fíxenme quen son. E deses anos, lembro dicir moitas cousas que hoxe posiblemente non diría, pero xamais cambiaría o idioma no que foron pronunciadas, o galego”, comezou o presidente un discurso no que lembrou cando sacaba o gando a pacer, as longas conversas coa familia e amizades do Deza ou as longas xornadas no despacho da alcaldía que continúan estes días nas dependencias do Pazo provincial.

Unha vida en galego, na que o mandatario provincial se presenta como “fillo dunha xeración que naceu o mesmo ano da Constitución, nunha Galicia que xa amencía despois da longa noite e cuxa luz se mantiña acesa apenas na Resistencia cultural”. Unha viaxe pola historia contemporánea do galego na que puxo en valor o papel dos partidos políticos para “galeguizar Galicia”, así como movementos culturais como o Xabarín Club ou referentes musicais actuais como Fillas de Cassandra ou Lontreira.

Con todo, o presidente Luis López tamén lamentou que “a marca Galicia non sempre foi expresada en galego”. Algo que mudou, remarca o presidente provincial, grazas ao traballo de entidades e xornadas como a celebrada este martes.

“O orgullo de país, a pegada de excelencia empresarial que abandeiramos, non sempre tivo como vehículo a lingua propia. Ata que entidades como o Foro Enrique Peinador, o impulso institucional e, sobre todo, a iniciativa privada decidiron derrubar esa última barreira. A todos quero darvos os parabéns”, rematou o presidente da Deputación de Pontevedra.

O Samaín no Castelo de Soutomaior
A Deputación de Pontevedra esgotou xa as entradas para desfrutar das visitas teatralizadas de Samaín ao Castelo de Soutomaior, tanto as propostas para as familias como para adultos. En total, a institución provincial ofertou máis de 1.000 prazas para desfrutar destes percorridos cargados de misterio e humor, nos que coñecer o lado máis terrorífico e divertido da historia da fortaleza todas as fins de semana de outubro e o 1 de novembro.

As visitas teatralizadas para familias como para adultos serán a cargo da compañía Troula Animación e baséanse na idea de que os asistentes o pasen ben pasándoo mal. As visitas destinadas ao público adulto terán lugar os venres e os sábados (os días 4, 5, 11, 12, 18, 19, 25 e 26 de outubro) en horario de 20:00 horas e 21:45 horas e nelas os participantes vivirán unha experiencia nocturna única e aterradora visitando da man de Félix as distintas zonas do castelo, onde haberá desagradables encontros.

No caso do público infantil e familiar, terán lugar todos os sábados e domingos do mes (os días 5, 6, 12, 13, 19, 20, 26 e 27 de outubro) en tripla sesión, ás 12:00, ás 16:00 e as 17:30 horas, ademais do 1 de novembro ás 16:00 e ás 17:30 horas. Trátase, deste caso, dunha experiencia que combina sustos suaves, humor e un toque de misterio que encantará tanto a pequenos como a adultos.