Ourense | O fotógrafo Manuel Outumuro recibiu o Premio Ourensanía 2022 no transcurso do tradicional e solemne acto que se celebra no Teatro Principal da cidade coincidindo coa festividade de San Martiño, patrón de Ourense. Manuel Outumuro recibiu o Premio Ourensanía 2022, segundo recolle a acta do xurado, “por unha traxectoria profesional de primeiro nivel no ámbito nacional e internacional”.
No seu discurso de agradecemento, Manuel Outumuro comezou amosando a súa emoción e dando paso á proxección dunha serie de fotografías da súa autoría -“son un home máis de imaxe que de palabra”- para despois retrotaerse ás orixes: “As fotografías que acabamos de ver teñen glamur, pero eu veño de pisar esterco, merda de vaca. Todo o que vivín ata os dez anos na Merca condicionou a miña forma de mirar. Os meus pais foron ata os dez anos unha fotografía. Crecín con esa ausencia, símbolo da emigración. A cambio contei co amor dos meus avós”.
“A miña infancia na Merca foi a época máis feliz da miña vida. Crecín facendo figuras no barro. Descubrín na fonte á que levaba ás vacas a beber reflexos de diamante. Foi unha infancia chea de emocións, que te fai crecer cos pes na terra. Estamos feitos de dous elementos: barro e luz. Os fotógrafos infundimos luz, pero a mellor calidade dun fotógrafo é que esa luz non tape a propia do fotografado. É unha cuestión de respeto”.
Manuel Outumuro adicou o Premio Ourensanía “aos meus orixes, os meus pais e aos meus avós, que me ensinaron o significado da palabra ‘respecto’. Aos meus profesores, que me ensinaron os segredos do barro. Aos meus amigos e ao meu compañeiro, que día a día axúdanme a entender os segredos da luz. E a miña amiga Maribel Outeiriño, indispensable na recuperación ao afecto a esta terra despois do baleiro da emigración. Grazas a todos”.
O homenaxeado rematou a súa intervención dando paso a unha proxección de tres vídeos arredor de conceptos como a nostalxia, a ausencia, a emigración e o traballo diario.
“Porque esto sigue, continuará”, destacou para avanzar a exposición proxectada para o 2023 no Centro Cultural Marcos Valcárcel, e na que as “miñas fotografías dialogarán con imaxes que falan do neno que sigue pisando terra e fascinado pola luz que a envolve”.