Cadernos da viaxe.
O profesor de Dº Constitucional Blanco Valdés ven de rexeitar nun outro xornal galego o dereito dos territorios autónomos do Estado para esixir determinados coñecementos das línguas oficiais distintas do castelán para o seu acceso ao emprego público. O profesor da USC mesmo afirma que calquera persoa que só coñeza o castelán habería poder traballar en calquera emprego e lugar do Estado sen que se lle requira coñecemento ningún dunha outra lingua oficial.
Blanco Valdés é unha persoa moi intelixente e instruída, de amplos coñecementos, cun xorne amábel e cordial no trato humano que fai máis doado conlevar a aberta discrepancia que temos amosado por anos no debate público mediático, nomeadamente nos faladoiros da CRTVG. Mais penso que desta volta faise evidente que o profesor Blanco Valdés mudou nestes últimos anos o seu compromiso constitucional para achegalo ás propostas xurdidas de Madrid a prol da España da lingua e cultura única, abríndolle deste xeito a porta na Galicia a esta caste de desaqueladas ideas.
Porque coñece moi ben Blanco Valdés, como sobranceiro xurista, que na Galicia a constitucionalidade alóngase como bloque no noso Estatuto e nas súas leis de desenvolvemento básico, entre elas a Lei de Normalización Lingüística. Xa que logo, o galego é a única lingua propia de Galicia consonte co Estatuto e, xa que logo, coa Constitución do Estado. E tamén é lingua oficial en todo o território do noso País. Isto quere dicir que eu, vostede e todas as persoas residentes na Galicia temos o dereito de falar galego en calquera circunstancia e esixir das entidades privadas todas que nos entendan e, do sector público, que nos atenda en galego.
“Velaí que a tese de Blanco Valdés non sexa compatíbel cos dereitos lingüísticos que ás persoas que residen na Galicia nos recoñece a mesma Constitución que él ten estudado a eito”
Velaí que a tese de Blanco Valdés non sexa compatíbel cos dereitos lingüísticos que ás persoas que residen na Galicia nos recoñece a mesma Constitución que él ten estudado a eito. Na Galicia a sanidade pública galega atende máis do 90% dos actos médicos. Podemos defender o dereito á ignorância da lingua galega a respecto dos empregados da sanidade pública galega sen vulnerar non só a Constitución, o Estatuto e as leis, senón o sentido común? Existe algún servizo público que esixa máis empatía e achegamento ás persoas ca o da saúde?
O problema de moitos opinadores, universitarios e intelectuais do Estado é querer facer pasar por constitucional, presentar como froito dos consensos de 1978 o que non é senón puro supremacismo que descoñece os valores do pluralismo e da democracia liberal de 1978. Mais o que é normal en Madrid non habería selo na Galicia.
Cando esta caste de discurso se defende no noso País estase a abrir a porta a ese discurso centralista que nada ten a ver coa nosa realidade e vida cotiáns, cos problemas do noso benestar e calidade de vida, coas nosas angueiras.