Este 25 de abril (25A) cumpríronse 50 anos da Revolución dos Cravos, un acontecemento primordial para entender non só o final dunha ditadura, a de Salazar en Portugal, senón para explicar as ansias de democracia nunha Europa sumida en plena guerra fría.
Democracia na península pero experiencias contraditorias naquelas ex colonias portuguesas, principalmente na África lusófona, como Angola, Mozambique, Guiné Bissau e Cabo Verde, que viviron un exemplo diferente, con conflitos armados e convulsións políticas mediatizadas pola dinámica da guerra fría pero tamén aceleradas polos cambios políticos en Lisboa, a metrópole do ex imperio.
Hai un dato que poucos estiman: esta revolución democrática veu da man de militares progresistas nun país, Portugal, membro da OTAN. E como dicía antes, todo isto acontece en plena guerra fría, cunha Europa que observaba unha reconversión das esquerdas cara o “eurocomunismo” mirando menos á URSS e máis á dinámica de cambios democráticos que se vivían en varios países europeos. Incluíndo España, nese momento no epílogo do franquismo e para o que o 25A foi tamén unha referencia para o cambio, para esa transición que debe ser medida, historicamente, con máis pluralidade e menos propaganda.
“Que ten que ver Galicia co 25 de Abril? En apariencia, non moito. En esencia, quizáis moito mais”
Volvendo ao titular desta columna, que ten que ver Galicia co 25 de Abril? En apariencia, non moito. En esencia, quizáis moito mais. As resistencias ás ditaduras militares en España e Portugal tiveron unha conexión relevante nesa Galicia dos anos 1970. Tanto no exilio político como na música, con referencias moi claras a símbolos como o portugués Zeca Afonso.
O 25A redescubriu igualmente para Galicia un mundo lusófono que traspasaba fronteiras en África, América Latina (Brasil) e Asia (Timor Leste, Macau) A revolución dos cravos en Lisboa foi unha referencia ineludible para moitos galegos que resistiron á ditadura. E insisto, un cambio democrático da man de militares progresistas nun país da OTAN. Pouco non é, non, e menos cando hoxe observamos un retorno das expresións militaristas na política europea e da propia OTAN.
“Neste maio das Letras Galegas que homenaxea a obra de Luisa Villalta, Portugal tamén está presente con ese medio século do 25A”
Neste maio das Letras Galegas que homenaxea a obra de Luisa Villalta, Portugal tamén está presente con ese medio século do 25A. Desa Grândola Vila Morena que cantaba Zeca Afonso, que en Galicia foi presentada por vez primeira en Santiago de Compostela en 1972 nun ambiente universitario (antes o fora en Ourense e Lugo) e que se converteu nun himno da democracia e da revolución popular. E que hoxe, aquí en Galicia, tamén se conmemora ese 25A como algo propio, como un canto irmá que non ten fronteiras, que reflicte esa irmandade, existente pero non moitas veces comprendida, entre os pobos galego e portugués.