O Covelo | O xerente da Asociación de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta, Paco González, exporá na sede da FEGAMP en Santiago de Compostela, o proxecto “Condado Paradanta Xera”, recollido na súa estratexia de desenvolvemento local participativa “Reverdecendo Condado Paradanta”. Farao na xornada que organiza o proxecto europeo EC4RURAL, liderado pola Universidade de Vigo e que busca impulsar comunidades enerxéticas en 22 concellos.
Nesta xornada o GDR Condado Paradanta afondará, xunto ao resto dos participantes, no plan de traballo inmediato para promover a participación rural na transición cara enerxía limpas a través de comunidades enerxéticas; coñecerá as iniciativas que se están promovendo e desenvolvendo e avaliará as posibles sinerxias que se poidan xerar entre o traballo do GDR e EC4RURAL.
A estratexia de desenvolvemento do GDR de cara aos vindeiros anos xa contempla ser parte activa da transición enerxética motivo polo que o xerente do GDR Condado Paradanta compartirá co público “Condado Paradanta Xera”, unha iniciativa que pretende dar un servizo á poboación facilitando o aforro enerxético e a implantación dunha economía verde de escala; fomentar a cultura da enerxía innovadora para crear un entorno medioambientalmente sostible e establecer canles colaborativas comunitarias coa fin de facer realidade a creación da primeira comunidade enerxética comarcal.
Ao igual que “Condado Paradanta Xera”, o proxecto EC4RURAL, financiado polo Programa LIFE, busca afondar e transformar as relacións entre as autoridades locais e rexionais e as comunidades rurais para contribuír á transición enerxética limpa en Europa ao tempo que se garante a participación activa dos axentes locais, evitando que sexan deixados de lado nestes procesos. O proxecto garantirá que as comunidades rurais formen parte e se beneficien dos procesos da transición enerxética limpa fomentando a creación de comunidades enerxéticas rurais para producir electricidade a través de paneis fotovoltaicos.
Nesta liña de traballo no pasado ano, o GDR Condado Paradanta organizou un ciclo de xornadas dando a coñecer o concepto de comunidades enerxéticas e modelos que se estaban a desenvolver.
A acción de EC4RURAL aborda o cambio nos comportamentos dos consumidores e empresas, para facilitar un maior diálogo e investimento conxunto dos actores públicos e privados (inalcanzable a nivel individual), tal e como establece o Pacto Verde Europeo. O proxecto tamén contribuirá ao desenvolvemento rural dentro da nova Política Agraria Común, así como ao Pacto Rural Europeo e á Política de Cohesión Territorial.
EC4RURAL porá en marcha este novo cambio de paradigma a través de 2 pilotos en Estonia e España, cun total de 34 casos de estudo en diferentes municipios rurais, co obxectivo de propiciar a replicabilidade, non só nas rexións participantes, senón tamén a nivel europeo, a través das actividades de comunicación, divulgación e explotación levadas a cabo coa rede de socios e colaboradores externos.
EC4RURAL reúne a un grupo de 10 entidades que compoñen un consorcio multidisciplinar situado en 3 países diferentes da UE (España, Estonia e Bélxica). O consorcio está liderado pola UVIGO e participan diferentes autoridades públicas locais e autonómicas, xunto con diferentes entidades capaces de proporcionar aos concellos, cidadáns e pemes o apoio necesario para desenvolver, implantar e controlar as comunidades enerxéticas rurais.