“O goberno de AporM pecou de non saber tender a man e de tentar impoñer só o seu criterio”

Pablo Barcia | Novo Alcalde de Mondariz polo Partido Popular

Despois de nove anos, o PP recupera o goberno de Mondariz trala dimisión do anterior goberno de Alternativa por Mondariz (AporM) e amparado no feito de ser a segunda lista mais votada. Deste xeito, o empresario Pablo Barcia Bello foi proclamado en pleno municipal o pasado 27 de setembro como o novo Alcalde.

Vde. foi elixido Alcalde tralo pleno municipal realizado o pasado 27 de setembro. Cales serán as prioridades deste novo goberno?
A principal é sanear as contas cun plan de pagos ordenado e realista que permita cumprir cos nosos provedores, aos que se deben 1,8 millóns de euros pola xestión do goberno anterior; e, a partires de aí, manter e reforzar os servizos públicos, incrementar a atención aos veciños de Mondariz e apostar, na medida do posible polos investimentos. Ademais de estar máis pendentes do día a día e daquelas cousas que melloran a calidade de vida da xente, tamén queremos acondicionar todas as estradas do municipio, para o cal xa conseguimos unhas primeiras achegas de 2,5 millóns de euros da Deputación, e tamén tentar facer un par de actuación importantes no casco urbano, como poderían ser a necesaria reforma do pavillón ou a ansiada consecución dunha escola infantil.

Gobernará con 3 concelleiros con 8 da oposición. É consciente de que ten apoios políticos precarios que poden complicar a súa xestión?
Son perfectamente consciente da situación, pero en Mondariz os cidadáns decidiron que non houbera maiorías absolutas e que os grupos municipais estableceramos canles de diálogo e, nese senso, creo que o Partido Popular ten un mellor talante que o anterior goberno de AporM. Respecto moito o traballo que fixeron, malia que nos separan importantes diferenzas ideolóxicas e de proxecto para Mondariz, pero sinceramente creo que pecaron de non saber tender a man e de tentar impoñer só o seu criterio malia que supoño que eran conscientes de que non tiñan maioría absoluta.

“O verdadeiro motivo da dimisión do goberno anterior era o medo a ter que afrontar unha débeda de case 2 millóns €”

A causa da dimisión do anterior goberno (AporM) foi a negativa para aprobar os Orzamentos municipais, acusando á oposición (PP, PSOE e BNG). Foi así realmente? De ser isto certo, cales foron as razóns para non aprobalos?
AporM tivo o apoio da oposición, neste mandato, para aprobar unha suba de impostos ante a necesidade de obter máis recursos e tamén para pedir un préstamo de 700.000 euros e de acadar un adianto de 50.000 euros para pagos urxentes. Polo tanto, as súas acusacións de bloqueo non son verdade e, no caso dos Orzamentos 2024, tivo ben fácil aprobalos porque desde a oposición só pedíamos a inclusión dunhas enmendas que supoñían o 7% do total. Ese grupo político xustificou a súa marcha por non aprobar o documento económico, pero máis ben creo que é unha excusa infantil porque dame a impresión de que o verdadeiro motivo era o medo a ter que afrontar unha débeda de case 2 millóns de euros que eles mesmos xeraron e estaban sen solucións fronte a ese problema.

Ve posible agora aprobar eses Orzamentos?
É perfectamente posible, aínda que non é o máis urxente, porque a prioridade pasa polo plan de pagos a provedores. Pero en todo caso, eu non renuncio a aprobar os Orzamentos e entendo que as contas de AporM máis as enmendas acordadas por PP, PSOE e BNG constitúen un proxecto económico interesante e acaído para Mondariz que, ademais, debería ter o voto favorable de alomenos 6 dos 11 concelleiros do pleno.

“É perfectamente posible aprobar os Orzamentos municipais, aínda que non é o máis urxente”

Cómo observa a situación económica do Concello?
A verdade é que é moi mala, porque un Concello coma o noso, cuns 3 millóns de euros de orzamento, non pode ter sen pagar case 1,8 millóns en facturas ao peche do primeiro semestre do ano. E ademais cun retraso no cumprimento cos provedores de 191 días, é dicir, máis de seis meses, que é o terceiro peor dato da provincia de Pontevedra.

Polo tanto, a xestión económica realizada por AporM non foi boa e aí están as cifras, porque o que é medible non é opinable. Pero en todo caso, confío na nosa capacidade de xestión para saír adiante, para tratar de estruturar estes pagos nun plan a 14 anos no marco dos distintos mecanismos que establece o Goberno de España. E a partires de aí, traballar, traballar e traballar para seguir construíndo o Mondariz que queremos.

Con Mondariz Balneario hai xestións comúns en canto a servizos municipais ademais do tema da EDAR. Como afrontará a relación con este goberno veciño de Mondariz?
Pois afrontareina como son eu e como somos os integrantes do PP de Mondariz, coa man tendida, con moito talante, con todo o diálogo necesario e co ánimo máximo de colaboración, porque entendo que as relacións institucionais que beneficien aos veciños e aos territorios, e máis cun municipio veciño como Mondariz-Balneario co que tanto nos une, teñen que ser boas. Estou convencido de que, neste tempo novo que se abre en Mondariz, todo vai ir ben neste sentido.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.