Baiona | A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou unha nova achega para o concello de Baiona, por un importe total de 167.319,48 euros. Con esta actuación o municipio pontevedrés pecha o Plan Concellos deste ano, ao través do cal o goberno provincial destinoulle 1.582.966 euros, un 76,71 % máis que en 2017.
Con este último investimento o concello de Baiona poderá financiar unha actuación de mellora no paseo fluvial de Baredo que consistirá na prolongación do paseo mediante unha pasarela de madeira que irá desde a ponte situada no lugar de Carballo da Aba ata o denominado Torre, na parroquia de Baredo. Para esta ampliación do paseo, cunha lonxitude de 500 metros, utilizarase madeira de pino silvestre e para o tramo que transcorre baixo a ponte da estrada será de formigón.
Este ano, ao través da Liña 1 do Plan Concellos, Baiona tamén contou co financiamento da reurbanización e acondicionamento do acceso á Igrexa de San Lourenzo de Belesar e da Praza Antonio Taboada, por importe de 168.995,46 euros; da reforma do edificio norte do Mercado de Sabarís, por 629.200 euros, e da adquisición de oito colectores de lixo grandes con carga lateral, dous unidades pequenas e 12 centradores destinados ás parroquias de Baiña e Belesar.
Amais, a Deputación de Pontevedra adxudicou 40.000 € no que corresponde á liña 2 e tamén outros 208.237,36 € que foron destinados á financiación da contratación de 38 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 de emprego.