O Goberno de Salceda seguirá a buscar unha alternativa legal á decisión do PP de eliminar a paga extra aos empregados públicos
Salceda de Caselas | O Goberno municipal do BNG-PSOE, anunciou que vai aplicarse a si mesmo as medidas que o PP vai aplicar aos empregados públicos, e renunciará á paga extra de Nadal.
A medida vai afectar ao alcalde, aos concelleiros e concelleiras que teñan dereito a dita paga e ao persoal de confianza. Así mesmo, vai propoñer aos grupos políticos a renuncia a cobrar as asistencias a plenos e comisións informativas do mes de decembro de 2012. A súa aprobación suporá un aforro de 13.800 €.
O goberno municipal vai adicar o importe das pagas extras aforradas a fins sociais relacionados coa grande crise que están a padecer moitas familias de Salceda, e a compensar os recurtes que o PP está a aplicar no benestar social, a promoción educativa ou o fomento de emprego.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda, afirma que “o Goberno de Salceda ten que facer un esforzo solidario, tanto cos empregados públicos, coma moi especialmente coas familias de Salceda que se atopan nunha situación crítica”.
Marina Cabaleiro, Tenente de Alcalde, afirmou que “aínda sen estar de acordo coas políticas de recurtes que se está aplicando dende os gobernos do PP, considero que non sería coherente que a clase política non sufra estas drásticas medidas, cando as están a padecer os sectores máis vulnerables da nosa sociedade. Non podería dar a espalda os veciños e veciñas que diariamente atendo como responsable das áreas de Emprego ou Benestar Social”.
Por outra banda, o goberno municipal vai cumprir, en principio, coa obriga de non abonar a paga extra dos empregados municipais tralo informe contundente da secretaría municipal, que di taxativamente que “non se pode rexeitar a medida e compensar a perda de poder adquisitivo dos empregados que queden sen paga extraordinaria do mes de decembro. Os artigos 1 e 9 da Constitución impiden que un acordo do Concello contraveña unha norma de rango superior, como é o R. D. Lei 20/2012”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda, afirma que “eu agora mesmo teño que cumplir a lei. Se de aquí a decembro aparece algunha posibilidade legal de atopar unha solución alternativa por parte dos servizos xurídicos, eu intentarei facelo. Este problema creouno Rajoy e o PP, que son os máximos responsables e os que crearon esta inxustiza coa perda adquisitiva dos empregados públicos”.