Ourense | Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense, visitou a sede da Universidade Laboral da capital onde puxo en valor o I Plan de Modernización da Formación Profesional posto en marcha polo Ministerio de Educación e a través do cal se destinarán máis de 130 millóns de euros ás distintas comunidades autónomas para que continúen desenrolando, por cuarto ano consecutivo, actuacións destinadas á consolidación do novo sistema de FP impulsado polo Goberno.
En concreto, Galicia recibirá dentro deste proxecto 18,8 millóns de euros, que se destinarán á creación de 2.580 novas prazas de FP (4.837.500 euros), de 3.750 prazas bilingües (10.125.000 euros), acreditación de competencias (1.963.440 euros) e 35 aulas de tecnoloxía aplicada (1.925.000 euros).
Así mesmo, durante a visita, Santos destacou a colaboración formativa existente coa Garda Civil e a Policía Nacional a través do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos, coa singularidade de contar co seu asesoramento no ciclo de drons, que se imparte na Universidade Laboral de Ourense.
Programa PROA
O subdelegado tamén abordou a aplicación do Programa de cooperación territorial para a orientación, avance e enriquecemento educativo en centros de especial complexidade educativa (PROA+), que se aplica en centros e concellos de toda a comunidade na procura da alfabetización dixital da poboación con maiores dificultades, dentro do cal o Goberno destinou a Galicia este ano 5.966.562 euros, acadando unha inversión total de máis de 58M€ en toda España dende a posta en marcha deste programa no 2022. Esta iniciativa parte da idea de mellorar a calidade da educación, promover sistemas de formación inclusivos e accesibles para todas as persoas, asegurando a non discriminación nin segregación, e reducir os niveis de abandono escolar.