O Goberno español denega asilo a un activista saharauí perseguido por Marrocos.

O Ministerio do Interior rexeitou a solicitude de asilo de Abdeslam Dichakour, un activista saharauí de 29 anos, a pesar de ser perseguido polas autoridades marroquís e ter a varios membros da súa familia en prisión. A decisión contradi as recomendacións de ACNUR e do Defensor do Pobo.

Abdeslam Dichakour, activista saharauí de 29 anos, solicitou asilo en España tras fuxir da persecución por parte do réxime marroquí nos territorios ocupados do Sahara Occidental. O Ministerio do Interior, encabezado por Fernando Grande-Marlaska, denegou a súa petición de protección internacional, desestimando as recomendacións do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR).

Abdeslam chegou a España desde Casabranca e foi retido na sala de inadmitidos do aeroporto Adolfo Suárez Madrid-Barallas. Na súa petición de asilo, detallou que foi detido repetidamente, torturado e desaparecido en varias ocasións polas autoridades marroquís debido ao seu activismo a favor dos dereitos humanos e o dereito de autodeterminación do pobo saharauí.

A súa familia é coñecida polo seu activismo en defensa dos dereitos do Sahara Occidental, e varios dos seus membros foron encarcerados. A súa nai, Fatma Hassana, estivo desaparecida durante dous anos, entre 1979 e 1981. O seu tío, Mohamed Hassana Brahim, coñecido como Mohamed Bourial, cumpre unha condena de 30 anos de prisión.

Os seus curmáns, Mohamed Embarec Ali Salem e Sidahmed Farachi Lich, foron sentenciados a 25 anos de cárcere e cadea perpetua, respectivamente, pola súa participación nas protestas de Gdeim Izik, un campamento de 20.000 saharauís levantado en outubro de 2010 nos arredores do Aiún, que foi desmantelado violentamente polas forzas marroquís.

Ademais, dous irmáns de Abdeslam residen en España, aínda que un deles leva 15 anos sen poder regresar ao Aiún nin visitar á súa nai debido ás restricións impostas por Marrocos. Durante o proceso de solicitude de asilo, a avogada de Abdeslam, Idania María Dávila, rexeitou a intervención dun intérprete marroquí, baseándose nunha recomendación do Defensor do Pobo que insta á utilización de intérpretes de hassania, o dialecto árabe falado no Sahara Occidental.

Segundo a defensa, os intérpretes de nacionalidade marroquí poderían non reflectir con precisión as declaracións dos solicitantes saharauís e xerar desconfianza nos mesmos, dada a natureza do conflito entre o Sahara Occidental e Marrocos. A negativa do Goberno español a outorgar protección internacional a Abdeslam Dichakour supón un revés para a loita dos activistas saharauís polos dereitos humanos.

“Segundo a defensa, os intérpretes de nacionalidade marroquí poderían non reflectir con precisión as declaracións dos solicitantes saharauís e xerar desconfianza nos mesmos, dada a natureza do conflito entre o Sahara Occidental e Marrocos”

Mentres a súa familia segue sufrindo as consecuencias do seu activismo, Abdeslam enfróntase a unha situación de gran vulnerabilidade. A seu defensa insiste na urxencia de concederlle protección, considerando o seu longo historial de persecución e as represalias sufridas pola súa familia en Marrocos.

Nado no ano 1974, un ano antes da entrega do Sahara por parte de España a Marrocos. Activista polos dereitos do Pobo Saharaui, é membro de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. Fundador e administrador da web www.porunsaharalibre.org