A Coruña | O voceiro do Goberno local e concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, valorou na rolda de prensa a xuntanza desta mañá cos representantes do grupo municipal de Marea Atlántica como “positiva”, con ela comezaron as negociacións cos grupos políticos municipais para os orzamentos do ano 2020.
Na semana que vén reunirase co BNG, C’s e PP
O obxectivo do Goberno local “é que consigamos ter un orzamento para o 2020 que poida entrar en vigor ao longo do mes de xaneiro e para iso a tarefa vai ser intensa”, asegurou Lage, quen tamén dixo que “priorizamos chegar a acordos con Marea e tamén co BNg, pero a man está tendida ao conxunto de grupos municipais que queiran ser construtivos e cooperativos para cumprir este reto de dispoñer destes orzamentos en xaneiro”.
O Goberno de Inés Rey, segundo o seu voceiro, quere acordar “uns orzamentos progresistas e comprometidos coa cidade”, que estean asentados en tres piares: “na reactivación económica, na política social e no compromiso ambiental”, detallou José Manuel Lage.
No eixo da política social, o voceiro do Goberno local explicou que o obxectivo é“ unha cidade habitable, con recursos suficientes para atender todas as necesidades da veciñanza, xa que iso é o que a cidade está a demandar”. Lage tamén aludiu á mellora das bolsas comedor e ao esforzo “para facer viable a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, tal e como nos comprometemos os socialistas no programa de goberno e nos acordos políticos”.
Tras esta primeira xuntanza con Marea Atlántica, a semana que vén reuniranse co Bloque Nacionalista Galego e proximamente tamén se sentarán a falar cos grupos municipais de Ciudadanos e Partido Popular.
“O acordo con compromisos establecidos coa Marea Atlántica e co BNG teranse en conta nas negociacións”, dixo Lage, “xa que son as organizacións progresistas coas que temos un marco de negociación estable para os orzamentos” pero, asegurou, “sempre tendéndolle a man ao resto de grupos, xa que cremos que os intereses das coruñesas e coruñeses están por riba de todo”.