Ven de celebrarse en San Petersburgo o segundo cumio Rusia-África. O encontro acontece trala decisión do presidente ruso Vladimir Putin de suspender o acordo de exportación de grans e cereais de portos dende o Mar Negro, un tema estratéxico porque repercute na seguridade alimentaria mundial, especificamente no caso do continente africano.
Para calmar a tempestade causada por esta decisión, principalmente en Occidente, Putin asegurou aos seus socios africanos o subministro de grans ruso, incluso con carácter gratuíto en termos de cooperación. As súas palabras obviamente soaban a aspectos máis de calado xeopolítico: asegurarse o apoio ou a neutralidade dos países africanos dentro do conflito ucraíno.
Putin debe manexar todo tipo de equilibrios de cara a un contexto exterior hostil con Occidente. E o uso da seguridade alimentaria como ferramenta xeopolítica é chave: “Rusia produce o 20% dos grans e cereais a nivel mundial. Ucraína produce menos do 5%” dixo Putin en San Petersburgo aos seus convidados africanos.
A conxuntura do cumio ruso-africano é tamén relevante. Nunha mostra de porqué África está espertando expectativas de multipolaridade que tanto pregonan Rusia e China particularmente á hora de neutralizar a hexemonía de Occidente, unha delegación africana liderada polo presidente sudafricano Cyril Ramaphosa visitou Kiev a mediados de xuño para presentar un plan de paz para Ucraína. Hai que tomar en conta que África do Sur, membro dos BRICS xunto con Rusia, China, India e Brasil, xa presentara con anterioridade unha proposta de paz para Ucraína.
En medio da confusa contraofensiva militar ucraína, dificilmente Moscova e Kiev estean preparados para iniciar negociacións de paz pero algúns contactos indirectos parecen estar en marcha, incluso contando con participación estadounidense. O propio Putin deixou entrever estes días que Rusia está preparada para estas negociacións acusando a Occidente de “obstaculizalas”.
Paralelamente aconteceu tamén un golpe militar en Níxer, país onde Rusia ten intereses xeopolíticos, Grupo Wagner mediante. Moitas sospeitas levantou a repentina aparición do seu “ex-líder” Evgueni Prigozhin no cumio de San Petersburgo mentres unha xunta militar tomaba o poder nun país africano estratéxico tamén para os intereses occidentais pola súa proximidade co Sahel, o Magreb, África Central e Occidental. O golpe militar en Níxer altera os equilibrios xeopolíticos en África Central e Occidental a favor dunha especie de protectorado ruso-chinés agora ben posicionado no control de recursos naturais (uranio) no que Occidente queda polo momento fora de xogo. Un dato: os militares golpistas en Níxer estudan suspender as exportacións de uranio cara Francia (a gran perdedora xeopolítica do golpe militar) e posiblemente EE.UU. París, coa probable colaboración dos seus aliados occidentais, manobra incluso coa posibilidade de intervención militar directa ou vía organismos rexionais (CEDEAO) toda vez outros rexímenes militares rexionais apoian aos golpistas de Níxer.
Toda vez, unha delegación militar rusa de alto nivel visitou Corea do Norte para asistir ao desfile militar polo 70º aniversario do armisticio que puxo fin en 1953 ao conflito coreano. Con todo, a visita rusa e tamén chinesa a Pyongyang define máis ben mecanismos de cooperación militar e de alianzas xeopolíticas. Incluso tense falado nos medios occidentais dunha especie de “modelo coreano” para pór fin á guerra na Ucraína, unha especie de armisticio similar ao acaído en 1953 na península coreana pero agora en pleno corazón de Europa do Leste e de tensións ruso-occidentais. E a cooperación militar ruso-norcoreana ten tamén unha chave: a contraofensiva ucraína, sexa cal sexa a súa real efectividade, debe ser obviamente contrarrestada por Rusia, que sofre cada vez más frecuentes ataques dentro do seu territorio vía drones.
“En medio das tensións pola exportación do gran ruso, en San Petersburgo, África achegou o seu ‘grans’ de area para acadar un atisbo de paz”
Así que entre crises de seguridade alimentaria, negociacións de paz e alianzas militares dificilmente o conflito ucraíno entre nunha fase de desatasco. Con todo, en medio das tensións pola exportación do gran ruso, en San Petersburgo, África achegou o seu “grans” de area para acadar un atisbo de paz. Unha inédita (e ben celebrada) tentativa de pax africana que define os cambios sistémicos a nivel internacional.