Santiago de Compostela | Galicia e Portugal continúan avanzando no desenvolvemento dun total de sete proxectos piloto para a promoción das infraestruturas verdes a nivel local no marco da iniciativa transfronteiriza Green Gap, impulsada en 2023 e na que exerce o papel de coordinador o Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
A Cámara Municipal de Paredes de Coura organizou o mes pasado a sexta reunión de coordinación do proxecto para reunir nesta cidade portuguesa aos socios de ambas rexións e poñer en común o estado das diferentes accións que están levando a cabo de acordo á candidatura. Tamén se adoptaron varios acordos de cara aos próximos meses, particularmente no que atinxe aos proxectos técnicos que servirán de base para as accións piloto que se van levar a cabo en ambos territorios.
Durante a reunión, os representantes do IET explicaron os últimos avances na elaboración do Plan transfronteirizo da paisaxe para o Baixo Miño, que suporá un marco de planificación compartida entre Galicia e o Norte de Portugal para a posta en valor deste espazo compartido singular e de alto valor ambiental e paisaxístico e o deseño de accións de ordenación e mellora dos impactos detectados para mellorar a súa adaptación ao cambio climático.
Os outros dous pilotos que acollerá a comunidade galega no marco do Green Gap se desenvolverán na contorna do encoro das Cunchas, no concello ourensán de Muíños, e nun espazo de 94 hectáreas pertencente á comunidade de montes de Verducido, en Pontevedra, no que se crearán bandas de vexetación autóctonas a modo de cortalumes.
Visita á área fluvial do Taboão
A VI xornada de traballo do Green Gap celebrada en Paredes de Coura incluíu tamén unha visita á área fluvial do Taboão do río Coura, escollida para albergar outro dos sete proxectos piloto previstos e que permitiu aos asistentes achegarse aos problemas actuais e ás solucións propostas para este valioso entorno natural.
Cómpre lembrar que a finalidade da infraestrutura verde é a creación dunha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións da contorna.
Deste xeito, o proxecto Green Gap para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal ten como obxectivo contribuír a que as administracións locais xoguen un papel máis relevante na promoción das infraestruturas verdes nesta área transfronteiriza.
Con tal fin, inclúe tres fases: unha primeira de planificación, unha segunda de desenvolvemento e implantación, na que se atopan inmersos os socios para acadar exemplos de boas prácticas en materia de infraestrutura verde e paisaxe resiliente, e unha terceira etapa para a formación e capacitación na materia. A maiores, inclúe tamén un conxunto de accións para a correcta comunicación e difusión dos resultados.
Cun orzamento de máis de 2,1 M€, financiado no marco do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP 2021-2027), na iniciativa participan, ademais do IET, un conxunto de entidades locais, administracións supramunicipais con competencias nesta materia e entidades universitarias da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Pola parte galega están implicadas a Universidade da Coruña, o Concello de Pontevedra, a Deputación de Ourense e a Fundación CEER, mentres que do lado portugués forman parte do proxecto a Cámara de Paredes de Coura, a Universidade do Minho, a Cámara de Guimarães, o Laboratorio da Paisagem de Guimarães así como a Agência Portuguesa do Ambiente e o Instituto da Conservação da Natureza das Florestas.