Santiago de Compostela | O Informe Executivo GEM Galicia 2020-2021 fai un seguimento da actividade emprendedora na nosa comunidade autónoma. Realizado a partir de datos recollidos en setembro de 2020, mostra como a crise da COVID-19 provocou un lixeiro parón da actividade emprendedora, situándose a Taxa de Actividade Emprendedora (TEA) en Galicia en 2020 nun 4,3%, mantendo as mulleres, como xa sucedera en anos anteriores, un impulso emprendedor (5%) superior ó masculino (3,5%).
Neste sentido, cómpre destacar a resiliencia dos emprendedores, posto que un 7% da poboación mostraba intención de emprender nos próximos anos. Estes datos, obtidos nun momento de total incerteza, permiten ser optimistas no proceso de recuperación da actividade emprendedora en 2021, mensaxe que trasladou a directora técnica do proxecto GEM, Isabel Neira, durante a presentación dos resultados do informe no mes de novembro.
O estudo identifica tamén o perfil da persoa emprendedora en Galicia. A idade media sitúase en torno aos 40 anos, aumenta a porcentaxe que posúe estudos de formación profesional e superiores (o 43% dos emprendedores e o 39% no caso das emprendedoras), e nas iniciativas nacentes tamén destaca a porcentaxe dos emprendedores/as con estudos de posgrao (un 28%).
As persoas emprendedoras presentan grandes doses de iniciativa e inquietude. Un 15% esperan xerar emprego en plena pandemia, momentos nos que a metade da actividade estaba paralizada, e o 19% das súas iniciativas presentan un marcado carácter innovador.
Un dos cambios mais importantes neste ano tan singular, son as motivacións que lles levaron a emprender. Sete de cada dez iniciativas indican que a falta de oportunidades no mercado de traballo é unha das motivacións para desenvolver o seu proxecto, descendendo de modo considerable aquelas que nacen coa idea de marcar unha diferenza no mundo, dende o 35% en 2019 ata ó 21% en 2020; a tradición familiar, que motiva a un 28% dos emprendedores, segue a ser un dos motores das iniciativas.
O impacto da COVID-19 supuxo para as iniciativas emprendedoras unha importante diminución de ingresos (no 58% dos casos), máis dificultades na creación de empresas e dun xeito máis acusado nas de menos idade (76%), un empeoramento das súas expectativas. O fenómeno emprendedor pode resumirse en ver oportunidades onde outros ven problemas, de aí que o 34% dos propietarios de empresas xa consolidadas vexan oportunidades na crise da COVID-19.
Os emprendedores galegos son, en xeral, persoas que declaran ter habilidades e coñecementos para emprender. Neste sentido Galicia atópase por riba da media doutros países. Máis da metade manifestaban a súa intención de seguir xerando emprego, e ao redor dun 20% puxo en marcha innovacións en produtos e servizos, e 15% no caso de innovación en procesos.
Non obstante, o medo a fracasar e a percepción de poucas oportunidades para emprender continúan a ser os principais freos a actividade emprendedora, aínda que de xeito menos acusado entre as persoas emprendedoras.
Entre a poboación en xeral, o medo ao fracaso é dun 65%, mentres que entre as persoas emprendedoras baixa ao 52%; no que respecta á percepción de oportunidades para emprender, o 17% da poboación percibe oportunidades, mentres que entre os/as que xa emprenderon sube ao 19%.
Ademais, este índice é mais acusado no caso das mulleres, que perciben mais dificultades, aínda que, finalmente, alcanzan as mesmas ou superiores taxas de emprendemento. Nestes dous aspectos Galicia en particular, e o conxunto de España en xeral continúan lonxe da media da UE (47% en medo ó fracaso e 40% en percepción de oportunidades).
Estes problemas estruturais da nosa sociedade non impiden que vaiamos aprendendo leccións.
Deste xeito as iniciativas galegas en 2020 continúan a aumentar o seu nivel tecnolóxico e avanzan no seu grao de internacionalización (pasando do 8% en 2019 ao 15% en 2020).
Pola súa parte, os expertos consultados en GEM propoñen apoiar esta infraestrutura comercial, con programas de apoio gobernamentais que axuden a mellorar a educación emprendedora e reducir a carga administrativa e burocrática á hora de emprender.
O Proxecto GEM
O Global Entrepreneurship Monitor (GEM) é un observatorio internacional cuxo obxectivo é analizar e avaliar o impacto da actividade emprendedora no crecemento económico, como factor determinante para o desenvolvemento e benestar das sociedades nas que ten lugar.
O equipo GEM Galicia constitúese no ano 2005, e dende entón elabora anualmente un informe sobre a actividade emprendedora na comunidade autónoma a partir de datos recollidos entre a poboación adulta (Adult Population Survey) e de persoas expertas do ecosistema emprendedor (National Experts Survey).
Actualmente o proxecto GEM Galicia é froito do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a Universidade de Santiago de Compostela, que lidera o proxecto dende 2015, ano no que se integran no equipo investigadores das Universidades da Coruña e Vigo.