Mos | O emblemático grupo mosense, Malvela, do que forma parte a cantante Uxía, realizou en dúas xornadas a gravación do seu novo disco que está previsto sala á luz a vindeira primavera.
A gravación realizouse nas instalacións do Centro Dotacional de Torroso que alberga a Escola Municipal e Conservatorio Profesional de Música de Mos.
As Malvela recibiron na tarde de onte, mentres gravaban en Torroso, a visita da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e da concelleira de Política Social e Igualdade, Participación Cidadá, e Cultura e Turismo, Sara Cebreiro.
As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, déronlles ánimos nesta nova andadura musical e felicitáronas pola súa extensa e exitosa carreira e por ser “auténticos exemplos de mulleres rurais empoderadas, artistas e profesionais dun sector, o musical, aínda con predominancia masculina”.
O grupo musical Malvela é un dos principais emblemas culturais do Concello de Mos, promotor da tradición galega e mosense, e da identidade cultural e musical senlleira.
Ao tempo que visitaban ás integrantes da agrupación musical, rexedora local e edil de Cultura aproveitaron para felicitarlles as festas do Nadal e desexarlles un bo Fin de Ano e próspero Aninovo; e declararon que “é unha honra e un verdadeiro orgullo poder rematar o ano 2021 compartindo un rato co grupo mosense máis emblemático e facelo ademáis anunciando a boísima nova do novo disco que poderemos escoitar en poucos meses e que, de seguro, fará as delicias dos amantes da nosa música tradicional”.