Ourense | Nun evento tan esperado como son as festas patronais, o grupo municipal socialista vese sorprendido e decepcionado pola falta de actividades culturais así como a redución de días de festexo presentados esta semana na programación oficial na páxina do Concello, “somos a terceira cidade galega e as nosas festas pasan desapercibidas para o resto da Comunidade”.
Esta festividade é unha oportunidade única para celebrar a identidade local e é crucial que a programación reflicta esta riqueza, polo que a falta de actividades de índole cultural non só priva á comunidade de experiencias enriquecedoras, senón limita a oportunidade de promover e preservar o legado cultural, reducindo as actuacións a música de “orquestra e disck-jóckeys, na súa maioría”.
A edil socialista Cristina Cruz destaca a falta de agrupacións musicais de máis relevancia, con estilos variados como poden ser o folk ou o jazz. “O único orixinal é a festa das cores” indica, “máis non deixa de sorprender como importan as novas demostracións artísticas, que non suman senón borran as tradicionais” referíndose á ausencia á batalla de flores, ás charangas nas rúas ou aos gaiteiros. En canto á cativada, esta só conta cunha xincana no xardín do Posío, deixando atrás as actuacións de marionetas, o teatro de rúa ou as actuacións de circo para os máis pequenos.
Todo este programa é unha mostra máis da falta de compromiso do alcalde coa cultural local, convertendo estas festas nun mero “trámite”, rematou a concelleira. As festas serán do día 19 mércores ao 23 domingo.