O himno galego nas celebracións litúrxicas.

A primeira vez na historia de Galicia que unha banda de música interpretou o Himno Galego nunha celebración litúrxica foi na igrexa parroquial de Redondela no contexto das festas da Coca. Tal suceso aconteceu na década dos anos oitenta. Para sortear os receos que eu albiscaba no director da banda de música e o párroco, busquei a complicidade do bispo demisionario da diócese de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Araúxo, de talante galeguista, a quen convidei para que presidise a misa concelebrada. Ata entón era costume que no momento da consagración, as bandas de música interpretasen o himno español. Tradición que procedía do nacionalcatolicismo do Estado.

Mais aconteceu que, naquela década de esplendor galeguizador do Concello de Redondela, a Asociación de Funcionarios/as para a Normalización Lingüística (AFNLG) lanzou a feliz iniciativa das “Mil festas máis para a lingua galega” para galeguizar as festas populares. Tratábase dun decálogo de propostas que abranxían todos os aspectos dos programas festivos. Animábaselles ás comisións organizadoras a normalizaren o uso da lingua galega na cartelería, na denominación correcta da toponimía,deica entón sempre deturpada; propúñaselles ás orquestras a galeguización dun 20% do repertorio musical, xa fosen con temas orixinais ou traducidos doutros idiomas; alentábase a posta en valor do patrimonio cultural e artístico das parroquias; maior presenza de agrupacións de música tradicional… e, como queda dito, a substitución do himno español polo galego nesa parte central da eucaristía.

Aconteceu que en 1984 publicouse a Lei de Símbolos de Galicia que establecía a oficialidade do Himno Galego con letra de Eduardo Pondal e música de Pascual Veiga. Un texto legal con escasa incidencia na vida real do País, agás puntuais actos institucionais. Compría sacalo deses reductos e normalizalo noutros moitos ámbitos decisivos para a preservación da nosa identidade cultural e darlle a lexitimidade necesaria. E eses espazos eran as máis de 3.700 festas populares (tantas como parroquias) que anualmente se celebran en Galicia.

“Aconteceu que en 1984 publicouse a Lei de Símbolos de Galicia que establecía a oficialidade do Himno Galego con letra de Eduardo Pondal e música de Pascual Veiga”

Convocamos a seis alcaldes a unha xuntanza no despacho do alcalde de Santiago de Compostela, que daquela era Xerardo Estévez sempre tan receptivo ás nosas propostas, á que asistiron os alcaldes de Vigo, Ferrol, Redondela, Catoira e Negreira. Todos manifestaron o seu apoio á campaña, agás Xaime Quintanilla rexedor de Ferrol que manifestou o seu temor aos militares daquela cidade. e parte da cidadanía influída polo ambiente franquista, que farían inviable o cambio desexado. Quintanilla, despois de tantos anos, aínda tiña o medo metido no corpo provocado polo fusilamento do seu pai en 1936 cando foi alcalde. Aquel número de alcaldes axiña se ampliou por decenas.

Por suxerencia da AFNLG a Xunta de Galicia encargoulle ao compositor Roxelio Groba matizar algúns acordes de Pascual Veiga para facer a execución da partitura máis parecidos aos que deben ter os himnos, e fose interpretado de igual maneira por todas as bandas.

Foi así como a campaña das “Mil festas máis para a lingua galega” acadou milleiros de adhesións populares en poucos anos. Hoxe é normal que no intre central das misas, no denominado momento da transubstanciación (a conversión milagreira da hostia en pan e o viño en sangue) as bandas de música e outras agrupacións interpreten o himno galego.

Esta campaña das “Mil festas máis para a lingua galega” ratificou a nosa idea de que a normalización da lingua galega témola que conseguir fóra da celebración do Día das Letras Galegas. Por un caso, hoxe as festas populares están máis galeguizas que hai corenta anos.

O día que máis me emocionei neste longo camiño da substitución do himno español polo galego, foi na misa do ano conmemorativo do 110 aniversario do nacemento de San Rosendo en Celanova, no 2007. Nela participaron prelados galegos e portugueses, cargos institucionais e moito público. No momento da consagración, a banda de música interpretou o noso himno con toda solemnidade e sonoridade que ten aquel recinto. Maxestuoso o repeto e recollimento. Conclusión: se hai vontade, hai mudanzas.

Xosé González Martínez. Presidente do Foro E. Peinador.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.